Notas de prensa

O sector pesqueiro retoma o 10 de maio a veda do polbo

A prohibición de capturar este recurso estará vixente durante case dous meses en cada plan zonal nos que se divide o litoral galego e afecta tanto aos profesionais do mar como a pescadores recreativos. O incremento dun 48% nas capturas de 2007 avalan a aplicación do Plan de Recuperación.

Dende as 00:00 horas do día 10 de maio e ata as 00:00 horas do 7 de xullo estará en vigor a veda do polbo en augas costeiras de Galicia, xa que estas son as datas consensuadas entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e o sector pesqueiro para a aplicación desta medida.

A prohibición de capturar polbo nas rías galegas efectuarase este ano, ao igual que en 2007, nas mesmas datas en cada unha das tres zonas de produción nas que se divide o litoral de Galicia e afecta tanto a pescadores profesionais como a recreativos. As tres áreas referidas son a Costa Noroeste (ao sur de Cabo Silleiro e dende Corrubedo a Monte Campelo), a Zona Cantábrica (comprendida entre Monte Campelo e o río Eo) e as Rías Baixas (dende o norte de Cabo Silleiro ata Corrubedo).

Con esta medida, unha das máis eficaces do Plan de Recuperación do Polbo, aténdese unha das grandes demandas do propio sector, ao tempo que se dá cumprimento á Orde do 13 de decembro de 2006 que fixa para este recurso unha veda de dous meses consecutivos comprendidos entre abril e xullo.

O cumprimento estrito da veda será seguido polo Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través dos seus efectivos persoais e materiais. Así, o control realizarase en embarcacións, peiraos, lonxas e outros centros autorizados para a exposición e venda, ao tempo que se levarán a cabo inspeccións en transportes e no sector da hostalaría. De feito, unha das prioridades da Administración pesqueira galega é velar polo cumprimento da prohibición de capturar polbo nas costas galegas, aínda que o departamento autonómico confía na madurez do sector de cara ao desenvolvemento de prácticas de pesca e comercio responsable.

Nesta liña, na xornada de mañá os pescadores recollerán as nasas do mar e quedarán depositadas en terra ata o vindeiro 7 de xullo. Esta última data coincide coa apertura do período de captura da nécora, que segundo se recolle no Plan de Explotación Marisqueira para 2008 estará vixente ata o 31 de decembro.

Cabe sinalar que o período de veda para 2008 xa foi acordado a finais de xuño do exercicio pasado, nun encontro que mantivo o director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, con representantes da Federación Galega de Confrarías e das provinciais, así como coa Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar-Armega). Naquel encontro, tamén se fixaron as medidas de xestión para o polbo, acordándose condicións de traballo relativas a tallas mínimas, topes de captura e horarios e calamento das nasas.

Esta veda tamén é de aplicación para todos os pescadores con licenza de pesca recreativa, que tampouco poderán capturar este cefalópodo durante o período de veda.

Plan de Recuperación

A veda é unha das medidas máis eficaces do Plan de Recuperación do Polbo posto en marcha no ano 2006 co obxectivo de recuperar a poboación desta especie, así como permitir a incorporación de novos reclutas e acadar o incremento da biomasa dos individuos xa presentes no stock. De feito, os datos de capturas avalan o éxito da aplicación desta medida, xa que as descargas deste recurso nas lonxas galegas en 2007 ascenderon a 2.723 toneladas, o que supón un incremento do 48,2 por cento en relación ás 1.838 toneladas de 2006.

Segundo os datos da plataforma tecnolóxica da pesca, www.pescadegalicia.com, que se recollen posteriormente nun informe da Unidade Técnica de Pesca de Baixura da Consellería de Pesca (UTPB), o polbo descargado nas rulas da nosa comunidade o ano pasado acadou un valor en primeira venda próximo aos 13,7 millóns de euros, fronte aos 9,3 millóns de euros do exercicio anterior. De feito, a UTPB xa apuntaba, na memoria de 2006, unha recuperación desta pesqueira no segundo semestre dese exercicio, sobre todo nos últimos meses, se ben o comportamento do recurso foi moito mellor en 2007.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-05-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES