Notas de prensa

Pesca pide na UE unha política de prezos transparente

A conselleira de Pesca, nunha entrevista en Bruxelas co comisario Joe Borg, plantexou a súa preocupación polo encarecemento do combustible e o seu efecto nas empresas.

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo secretario xeral do seu departamento, Miguel Ángel López Sieiro, e o asesor de cooperación internacional, mantivo unha xuntanza de traballo co Comisario de Pesca e Asuntos Marítimos da Unión Europea, Joe Borg, na sede da Comisión, en Bruxelas. Este encontro forma parte das reunións anuais que veñen mantendo os dous mandatarios co fin de abordar e analizar os temas que máis preocupan ou que atinxen máis de preto ao sector pesqueiro galego.

Un dos asuntos tratados na reunión de hoxe foi a situación que vive o sector pesqueiro galego ante o incremento nos prezos do combustible e, tamén, debido ao estancamento dos prezos do peixe en orixe. Segundo lle trasladou Carmen Gallego ao Comisario trátase dunha realidade difícil para a que dende o departamento que dirixe se están a levar a cabo diversas iniciativas, buscando posibles solucións a corto e medio prazo para o sector pesqueiro afectado. Estas medidas foron analizadas co propio sector en diversas xuntanzas nas que se lles puxo á súa disposición todos os medios dos que dispón a Xunta, así como os que se derivan do Plan de Reactivación Económica do Sector Pesqueiro, aprobado o pasado mes de xaneiro en Consello de Ministros.

A maiores, a Conselleira de Pesca propúxolle ao Comisario o desenvolvemento dun estudo a nivel europeo que permita implantar unha política transparente de prezos, coa finalidade de que o consumidor de peixe saiba realmente o custe de orixe do produto. Joe Borg amosouse receptivo a esta iniciativa e comprometeuse a traballar nesa liña.

Carmen Gallego explicou algunhas das medidas que xa foron adoptadas para paliar os efectos da carestía do combustible como o pago dos “mínimis” ou a posta en marcha dun proxecto de investigación sobre enerxías alternativas. Sobre esta última iniciativa, a responsable de Pesca de Galicia sinalou que se está a empregar gas licuado de petróleo para a frota de baixura e artesanal e que, en breve, se presentarán os motores duais (GLP e diésel) que se probarán en buques arrastreiros e do Gran Sol. Ademais, Carmen Gallego destacou outro tipos de medidas máis directamente relacionadas coa comercialización e que teñen como obxectivo que o propio sector poida repercutir o prezo do gasóleo no produto.

Por outra banda, e en relación ao recente secuestro do pesqueiro “Playa de Bakio”, a Conselleira trasladoulle ao Comisario a necesidade de que Europa apoie a España no seo da ONU para a posta en marcha dunha forza multilateral e multinacional que permita protexer aos cidadáns europeos en augas internacionais onde están a actuar piratas. Neste sentido, Borg confirmou o seu apoio á iniciativa española e sinalou que dentro da política marítima da Unión Europea xa se está a traballar en diferentes vías para tentar aminorar os riscos e mellorar a seguridade dos barcos europeos.

Responsabilidade ilimitada

Posteriormente, ambos mandatarios falaron sobre a política marítima da UE, na que Galicia foi a rexión que liderou as aportacións das comunidades autónomas do litoral de España e da Conferencia das Rexións Marítimas Periféricas do Arco Atlántico ao Libro Verde. Sobre este asunto, recordou que unha destas achegas, concretamente no tocante á contaminación marítima, foi a necesidade de que se instaure a responsabilidade ilimitada para os causantes da mesma, unha medida que non resulta tan extraña posto que xa se está aplicando dende o ano 2004 en casos de contaminación terrestre.

Carmen Gallego destacou que entende que haxa dificultades nesta liña, porque hai países que non están de acordo, pero quixo deixar claro que esta é a mellor medida preventiva que podemos adoptar contra a contaminación no medio mariño.

Acordos pesqueiros con países terceiros

A Conselleira e o Comisario falaron tamén dos acordos pesqueiros con terceiros países e nos que a frota galega ten unha importante presenza.

Neste eido, se enmarca o novo acordo con Mauritania, acadado o pasado mes de marzo, foi o que centralizou a súa conversa xa que a Conselleira agradeceu á Comisión que non adoptara finalmente a decisión de denunciar este acordo e optase por unha negociación a través dunha comisión mixta tal e como pedían España e Galicia. O novo acordo será por un período de catro anos, en lugar de ter que ser revisado cada dous, e tamén inclúe a posta en marcha dun estudo científico do litoral mauritano, sobre todo, centrado nos cefalópodos, a especie máis interesante para a frota galega.

A Conselleira de Pesca pediulle ao Comisario a presenza constante de inspectores da Comisión Europea na zona para que todas as partes implicadas no acordo cumpran cos requisitos do mesmo e non haxa posibilidade de que as frotas dos distintos países se sintan discriminados. Nesta liña, destacouse que dende o mes de marzo, cando se acordou o novo documento co país africano, xa se ten constatado un aumento da presenza comunitaria nestas augas.

Finalmente, Carmen Gallego e Joe Borg falaron sobre a próxima viaxe oficial do Comisario de Pesca e Asuntos Marítimos a Galicia, unha visita que ten previsto realizar este ano, que podería coincidir coa inauguración da sede oficial da Axencia Europea de Control da Pesca en Vigo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-05-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES