
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo Secretario General del Mar, Juan Carlos Martín Fragueiro; o Alcalde de Vigo, Abel Caballero; e o director da Autoridade Portuaria de Vigo, Luís Lara Rubido; presentou en rolda de prensa a próxima celebración da 30ª Xuntanza Anual de NAFO, que terá lugar na Estación Marítima de Vigo entre os días 22 e 26 de setembro deste ano. Trátase da segunda ocasión na que a nosa Comunidade Autónoma acolle unha asemblea de NAFO, a primeira vez foi no ano 2002 en Santiago de Compostela.
Carmen Gallego comezou a súa intervención agradecendo especialmente ao anterior Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, agora denominado Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, por propoñer a Galicia no pasado Cumio celebrado en Lisboa para que acollera unha nova xuntanza desta organización. Así mesmo, a Conselleira quixo destacar a disposición tanto do Concello de Vigo como da Autoridade Portuaria a colaborar co Goberno de España e de Galicia na organización deste evento.
Para a Conselleira de Pesca é especialmente importante que a trixésima Xuntanza de NAFO se celebre en Galicia, e máis en concreto en Vigo, posto que no marco desta organización opera a frota conxeladora galega, na súa maioría viguesa. Esta frota está formada por arredor de 22 buques arrastreiros conxeladores, todos eles galegos ou vencellados a capital galego.
A titular de Pesca explicou aos medios de comunicación que a 30ª Xuntanza Anual da Organización Pesqueira do Atlántico Noroeste (NAFO nas súas siglas en inglés), que se celebrará nas instalacións da Estación Marítima de Vigo, contará coa participación de 200 persoas entre membros do Consello Xeral da organización e dos seus diferentes comités (Comité científico, Comité permanente de control internacional, Comité permanente de finanzas e administración e a Secretaría).
Así mesmo, Carmen Gallego informou que na reunión asistirán delegacións de Canadá, Cuba, Dinamarca (por Illas Feroe e Groenlandia), Islandia, Xapón, Noruega, EE.UU, Rusia, Francia (por Saint Pierre et Miquelon), República de Corea, Ucrania e Unión Europea. Ademais engadiu que, como vén sendo habitual, a Consellería de Pesca participará integrando a delegación comunitaria, xunto co sector pesqueiro con intereses nese caladoiro.
Na súa intervención, a Conselleira de Pesca referiuse tamén aos resultados da última edición do Cumio de NAFO celebrado en Lisboa, que segundo ela permiten ter certo optimismo de cara á vindeira reunión de Vigo. Neste sentido, destacou que as decisións que se teñen tomado no marco de NAFO nos últimos tempos están moi próximas ao que demandan tanto o Goberno central como o galego. Tamén destacou que as relacións cos países que forman parte desta organización teñen mellorado nos últimos anos. Referiuse sobre todo ao caso de Canadá que, na súa recente visita a Galicia, amosou a súa colaboración coa Administración central e autonómica para que no seno de NAFO se adopten as mellores decisións posibles para os intereses do executivo español e da frota conxeladora galega.
Finalmente, Carmen Gallego avogou por traballar para que a celebración desta Xuntanza Anual de NAFO sexa un rotundo éxito tanto para o Goberno central e autonómico, como para o propio sector pesqueiro.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.