
O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC OO) valora moi positivamente o decorrer da folga de transportes da provincia de Pontevedra que tivo lugar os días 21, 22 e 23 de
abril. CC OO destaca o grande índice de participación e o civismo que en todo momento caracterizou as manifestacións dos traballadores e que converteron nun éxito a convocatoria de folga.
Así mesmo, na resolución que aprobou este mediodía o Consello Nacional da organización sindical, ínstase a patronal a que se instale no camiño do diálogo e da negociación, e a que poña riba da mesa propostas concretas, razoables e axustadas ás demandas e necesidades dos traballadores, de tal xeito que non sexa
necesario chegar a unha folga indefinida a partir do día 5 de maio.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.