A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño dependente da Consellaría de Innovación e Industria abre un concurso por procedemento aberto para divulgar a imaxe da marca Artesanía de Galicia nos locais comerciais de todo o país. Tal e como se anuncia no Diario Oficial de Galicia do martes 22 de abril, os interesados en presentar ofertas teñen de prazo ata o 7 de maio e poderán consultar os pregos de prescricións técnicas e condicións administrativas na páxina web www.artesaniadegalicia.org.
O traballo será realizado por catro persoas que se distribuirán estratexicamente en cada unha das provincias galegas para percorrer os puntos de venda de obxectos de agasallo, decoración, deseño, etc. que xa usen ou que poidan usar no futuro a marca Artesanía de Galicia, e dos cales elaborarán un rexistro. Os adxudicatarios deberán realizar unha tarefa de asesoramento a estes establecementos sobre o cumprimento da normativa para o uso e control tanto da marca coma do material de promoción, ao tempo que deberán detectar os malos usos que se estean a realizar. O servizo completarase cun seguimento mensual e cun asesoramento telefónico con posterioridade ás visitas realizadas. O orzamento dispoñible para a realización destes traballos que se desenvolverán entre o 1 de xuño e o 30 de novembro de 2008 será de 40.000 euros.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.