Notas de prensa

Pesca promociona en Madrid os produtos da baixura galega e as conservas

Foi no marco do Salón Gourmets onde Pesca presentou un stand no que se ofreceu unha degustación de pratos elaborados con recursos mariños da marca de calidade PescadeRías.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, presente na XXII edición do Salón Internacional do Club de Gourmets que se celebra en Madrid, organizou unha exhibición culinaria e posterior degustación de pratos elaborados con recursos pesqueiros procedentes da pesca de baixura galega e amparados pola marca de calidade “PescadeRías, de onde se non?”.

As especialidades que se puideron probar no stand de Pesca foron elaboradas pola cociñeira galega, Beatriz Sotelo Sequeiros, membro do grupo gastronómico NOVE e gañadora do concurso “Cociñeiro do ano 2006-2008” entregado na feira Alimentaria 2008 de Barcelona. Entre os pratos que os visitantes puideron degustar destacan as ameixas ao natural con espuma de lima e filantro, a empanada caseira de xoubas, o polbo con pataca e pimentón, o abadexo en escabeche branco con fresas e mazás, a zamburiña con vinagreta ou o sashimi de robaliza con limón e xerminados frescos.

O stand da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tamén acolleu unha degustación de conservas de alta calidade coas que Beatriz Sotelo elaborou diferentes pratos entre os que destacaron a crema de hinojo con ameixas, arroz cremoso con polbo, royal de ourizos con pan de broa ou navallas con xeado de limón. O obxectivo desta acción foi dar a coñecer os produtos enlatados como unha excelente materia prima para a elaboración de pratos exquisitos.

Pesca consolida a súa presencia no Salón Gourmets

O departamento de Pesca participa este ano no Salón Internacional do Club de Gourmets de Madrid cun stand de 300 metros cadrados, situado no Pavillón de Cristal, acollendo a un total de 15 empresas e asociacións galegas como coexpositoras. A maior parte destas firmas galegas están vencelladas ao ámbito dos produtos delicatessen e ás conservas de alta gama. Entre as empresas e asociacións representadas destacan: Amegrove, Anfaco, Atrugal, Conservas Antonio Pérez Lafuente, Conservas de Cambados, Conservas y Ahumados Lou, Conservera Gallega, Divimar Arousa, Industrias Cerdeimar, Justo López Valcarcel, Pesciro, Portomuiños, Puerto de Celeiro, Ramón Franco e Real Conservera Española.

No ano 2007, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos asistiu ao Salón Gourmet acompañando á Consellería do Medio Rural, xa que esta era unha feira na que Pesca nunca participara con anterioridade. Non entanto, e dada a importancia da mostra para o sector das conservas de grande calidade, o departamento que dirixe Carmen Gallego optou este ano por consolidar a súa presenza con instalacións propias.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia , 2008-04-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES