Notas de prensa

A Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira acolle unha mostra de maquetas e motores de barco

Este material pertence á Asociación Mar de Noia, organismo ao que a Consellería de Pesca lle cedeu as instalacións do centro para instalar a mostra.

A Escola Oficial Naútico-Pesqueira de Ribeira (R/ Praia de Coroso, s/n), da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, acolle unha exposición de maquetas e motores de barcos en miniatura, así como de diverso material náutico antigo pertencente á Asociación do Mar de Noia.

A mostra, que terá as portas abertas en horario de 10 a 14 horas, vai dirixida a todas aquelas persoas interesadas en coñecer de preto tanto o mundo náutico-pesqueiro como a propia escola.

A exposición, de carácter didáctico, permitirá ver parte da vida mariñeira e como eran as embarcacións no século pasado, concretamente os barcos construídos na Ría de Muros e Noia. De feito, contarase cun balandro e un pailebot, os dous de comezos do século XX, dos que se mostrarán pezas orixinais como bigotas, motóns, etc. Da primeira destas embarcacións, o “Nuevo Manuel”, disporase da maqueta á vez que se poderán ver a Real Patente de Navegación, o documento lexítimo dos seus propietarios cando o mandaron construír e os Roles onde figuran todos os nomes dos tripulantes dende 1923 ata 1952, cando foi despezado. Ademais, estará exposta unha maqueta de grandes dimensións do pailebot “Puerto del Son” xunto con fotografías da súa botadura.

Por outra banda, os visitantes poderán ver varias cartas náuticas; sextantes e octantes; cálculos de navegación; diario de navegación e outros utensilios empregados para navegar todos eles de diferentes épocas e buques. Tamén haberá un apartado adicado a máquinas e motores no que a Asociación mostrará o equipamento completo dunha sala de máquinas dun barco (cos correspondentes motor principal, motor auxiliar propulsor, motor auxiliar de emerxencia, alternador de cola, etc.) e un motor de última xeración (de 12 cilindros, en “v” 60º e sobrealimentado), mostrándose en vídeo como se fai cada unha das pezas que o compoñen.

Estes dous últimos sistemas son en miniatura, feitos a man e en perfecto estado de funcionamento. Así mesmo, estarán expostos dous motores orixinais, propiedade da Escola, que foron feitos en Ribeira e Noia.

Dar a coñecer a escola

A montaxe da exposición pretende amosar o mundo náutico-pesqueiro e as instalacións do propio centro a todos os visitantes que se aproximen á Escola Naútico-Pesqueira de Ribeira, facendo especial fincapé na xente moza. De feito, agárdase a visita estes días de estudantes procedentes de Santiago de Compostela.

Así, no percorrido polas instalacións poderán ver os simuladores de navegación, de pesca e de máquinas cos que traballan os alumnos e os docentes nos diferentes cursos impartidos na escola (ciclos medios e superiores en materia de pesca, navegación e transporte marítimo, así como cursos profesionais de Mariña Mercante).

A Consellería de Pesca cedeu as instalacións da Escola para a instalación da exposición impulsando así o traballo que vén desenvolvendo a Asociación do Mar de Noia, un organismo sen ánimo de lucro, que pretende, entre outros, estudar, recuperar, conservar e divulgar o patrimonio marítimo de Noia e da zona xeográfica da Ría de Muros e Noia. A Asociación está organizando exposicións para os vindeiros meses e estará presente en Navalia.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia , 2008-04-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES