Notas de prensa

Pesca promociona os produtos do mar galegos na Feria del Mar de Andalucía

O departamento autonómico asiste a este certame cun stand de 100 metros cadrados onde se realizarán degustacións, principalmente de mexillón e conservas.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participa na segunda edición da Feria Andaluza del Mar (Famar) que se celebra en Isla Cristina (Huelva) ata o sábado día 29. O departamento autonómico asiste a esta cita cun stand de 100 metros cadrados, no que, ademais de presenza institucional, ten cabida unha representación do sector acuícola e conserveiro.

A Administración pesqueira galega acude a este certame co obxectivo de promocionar os produtos pesqueiros e marisqueiros galegos en Andalucía, principalmente as conservas e o mexillón. Por esta razón, Pesca levará a cabo diferentes actividades promocionais no seu stand, destacando as degustacións dos nosos recursos, á vez que continuará a promocionar a marca de calidade para os produtos da baixura e o marisqueo, “pescadeRías, de onde se non?”. Este distintivo vén etiquetando diferentes especies dende o pasado 7 de marzo, o que proporciona valor engadido aos produtores así como seguridade aos consumidores.

Ademais do stand que a Consellería ten en “Famar”, o apoio de Pesca a esta cita faise evidente coa asistencia do director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, ao acto inaugural deste evento, celebrado esta mañá. O representante do departamento autonómico tamén realizará unha visita ás instalacións da Feria Andaluza del Mar.

A segunda edición de “Famar” constitúe un dos eventos de carácter pesqueiro e profesional máis importantes en Andalucía. Así mesmo, este ano a feira cobra aínda maior relevancia ao coincidir en data e lugar co encontro organizado polo Clúster de Empresas Pesqueras en Países Terceros.

Outras citas

O apoio aos produtos do mar galegos e ás empresas galegas vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro é unha aposta da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e así se vén manifestando a través da participación en diversos certames nacionais e internacionais dende comezos de 2008. En concreto, asistiu á feira Fish International que se celebrou en Bremen (Alemaña), participou no Fórum Gastronómico Santiago´08 e estivo presente na Mediterranean Seafood Exhibition de Rímini (Italia), así como no Salón Galego de Gastronomía e Turismo, Xantar 2008, en Ourense no Salón Internacional de Alimentación e Bebidas, Alimentaria 2008, que tivo lugar en Barcelona.

Ademais, en próximas datas, o departamento que dirixe Carmen Gallego participará, como vén sendo habitual, no Salón Gourmet de Madrid e na cita internacional European Seafood Exposition de Bruxelas.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia , 2008-03-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES