María Xosé Porteiro, Delegada da Xunta de Galicia en Buenos Aires, da comezo ao ciclo As mulleres como protagonistas cunha intervención sobre situación das emigrantes latinoamericanas en Europa.
Esta iniciativa, impulsada pola Comisión de Cultura do Centro Galicia de Buenos Aires para abrir espazos máis igualitarios na conmemoración do Día internacional da muller, conta cun programa de actividades que se desenvolverá ao longo dos meses de marzo e abril. Nela intégranse conferencias, debates, obradoiros e mesmo unha exposición fotográfica co obxectivo de achegarse ás diversas reflexións que estimulen a participación efectiva das mulleres en todos os ámbitos sociais.
A xornada inaugural conta tamén coa participación da investigadora e escritora María Rosa Lojo e o presidente do Centro Galicia de Buenos Aires, Héctor Fernández Álvarez.
Nos sucesivos encontros falarase dos cambios experimentados no sistema educativo formal en canto a xénero, analizarase a evolución dos estereotipos de xénero, da discriminación, da participación e da representación política das mulleres. Así mesmo, realizarase unha lectura dos medios de comunicación dende unha perspectiva de xénero e abordarase a relación entre educación e violencia sexista.
A muller traballadora
Tamén se abre ao público a mostra Muller e Traballo composta por 27 fotografías cedidas polo Arquivo Histórico Xeral da Nación Arxentina. Nela recóllense imaxes tomadas entre os anos 1870 e 1973 que amosan escenas cotiás do traballo levado a cabo polas mulleres en Buenos Aires.
A mostra pode visitarse todos os días do mes de marzo a partir das 17 horas na sede do Centro Galicia de Buenos Aires (Bartolomé Mitre 2552. Capital Federal).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.