O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu a 50 veciños do Concello de Guitiriz no Salón de Plenos do organismo provincial. Cada mes, este municipio, rexentado pola Deputada de Economía, Regina Polín, organiza unha visita cultural a distintos lugares de provincia e de Galicia. Desta volta, foi a quenda da Deputación de Lugo. Os visitantes coñeceron de primeira man as instalacións do ente provincial, así como do Museo Provincial e do Centro de Artesanía e Deseño de Lugo.
Gómez Besteiro, que saudou ó grupo de excursionistas, aproveitou a ocasión para lembrar que o Pazo de San Marcos é a casa de todos e de todas, polo que calquera persoa que a visite sempre será benvida. O titular da Deputación agasallou ós visitantes cunha axenda do organismo provincial.
O titular máximo mandatario provincial non quixo desaproveitar a recepción para transmitir as súas condolencias á familia de José Cora Rodríguez polo seu falecemento. Gómez Besteiro amosou o seu pesar polo que foi o primeiro Valedor do pobo e Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, unha persoa que loitou moito pola independencia e que grazas ó seu carácter xeneroso soubo gañarse o respeto de todos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.