
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participa na feira
internacional de produtos do mar Mediterranean Seafood Exhibition que se celebra en Rimini (Italia).
Nesta edición do certame, o departamento que dirixe Carmen Gallego, asiste cun stand de 320 metros cadrados e con el viaxan, como coexpositoras, un total de 13 empresas galegas vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro.
Durante a fin de semana, visitaron as instalacións da Consellería a Asociación Europea de Depuradores de Moluscos, así como representantes do Goberno de Andalucía, entre outros, que puideron degustar os produtos do mar de Galicia que se ofrecían no stand de Pesca.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.