Notas de prensa

O secretario xeral de Pesca visita o Instituto Náutico-Pesqueiro de Walbis Bay (Namibia)

A colaboración entre Pesca e Namfi vén sendo habitual nos últimos anos e dende 2007 dous técnicos da Consellería contribúen ao fortalecemento da formación impartida na escola.

O secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, Miguel Ángel López Sieiro, acompañado por representantes do departamento que dirixe Carmen Gallego, visitou as instalacións do Instituto Náutico-Pesqueiro de Walbis Bay (Namfi) en Namibia, onde foi informado das actividades que se desenvolven na escola durante o actual exercicio.

A colaboración entre Pesca e Namfi vén sendo habitual e constante nos últimos anos e boa proba disto é que dous técnicos da Consellería se atopan no centro dende comezos de 2007 co obxectivo de contribuír ao fortalecemento da formación impartida no Instituto Náutico-Pesqueiro de Walbis Bay.

Durante o percorrido pola escola, o director do centro explicoulle que as actuacións que se desenvolven en Namfi este ano están orientadas a reforzar o ciclo formativo para atender a demanda de profesionais, sobre todo por parte das empresas galegas instaladas en Namibia. Neste eido enmárcase como novidade a previsión de realizar unha titoría das prácticas que os alumnos leven a cabo nas empresas e nos barcos do sector pesqueiro galego no país africano.

A visita ao Instituto Náutico-Pesqueiro forma parte da viaxe que López Sieiro realiza ao país africano e que tamén lle permitirá asistir na xornada do venres á inauguración da nova planta do Grupo Pereira na localidade de Walbis Bay. Ademais, ese mesmo día, manterá unha xuntanza cos ministros de Pesca e de Transportes do Goberno namibio para tratar asuntos de interese para as dúas rexións e reunirase, así mesmo, co sector pesqueiro galego que opera no país africano, para facer un seguimento das actividades que estas empresas están desenvolvendo.

Colaboración con Namibia

A cooperación entre a administración pesqueira galega e o Goberno namibio vén sendo constante dende que Carmen Gallego está á fronte de Pesca. De feito, a finais de 2006, a Conselleira realizou a súa primeira viaxe institucional ao país africano e aproveitou a ocasión para entrevistarse co primeiro ministro e co responsable do departamento de Pesca. Froito deses encontros foi o compromiso de Gallego Calvar de intensificar a colaboración galego-namibia en proxectos de acuicultura, investigación, control da calidade dos produtos pesqueiros e formación (especialmente con Namfi).

Así mesmo, en xuño de 2007, a Conselleira reuniuse en Vigo co director do Instituto Náutico-Pesqueiro de Walbis Bay e co responsable do departamento de Navegación da escola, mostrando novamente o apoio do seu departamento a Namfi. Esa axuda vense materializando a través do desprazamento de dous técnicos de Pesca de Galicia á escola, ofrecemento das instalacións da Consellería para acoller a técnicos
namibios e dun importante investimento económico no centro.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-02-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES