Notas de prensa

14.000 escolares galegos participan este ano na campaña Uhmm...peixe!!

As Consellerías de Pesca e de Educación promoven por terceiro ano consecutivo esta campaña de promoción do consumo de productos do mar na que participan 67 centros educativos, 12 máis que en 2007.

As Consellerías Educación e Ordenación Universitaria, de Sanidade, e de Pesca e Asuntos Marítimos, levarán a cabo un ano máis a campaña de promoción de consumo de peixe entre os nenos galegos “Uhmmm... peixe!!”, na que o apartado lúdico continúa sendo o grande protagonista. O propósito desta iniciativa é fomentar a presencia de produtos do mar na dieta infantil e tentar aumentar o interese dos máis cativos polos recursos pesqueiros. Para acadar este obxectivo, os tres departamentos autonómicos teñen deseñado unha serie de medidas destinadas a facilitar o coñecemento e o consumo dos produtos do mar entre a poboación escolar co fin de equilibrar a súa alimentación. O presuposto achegado para levalas a cabo é, este ano, dun total de 152.078,21 euros.

“Uhmm..... Peixe!!” ten como eixo central unha acción práctica que consiste en que todos os alumnos que acostumen a xantar no comedor escolar disfruten dun menú a base de peixe. Esta comida contempla a instalación previa duns paneis (tres grandes posters) que explican as propiedades do peixe, así como o reparto dun díptico a todos os rapaces ao inicio do xantar. Este ano serán 14.000 estudantes de entre 8 e 10 anos (3.000 máis que a edición anterior), pertencentes a 67 colexios de toda Galicia (15 da provincia da Coruña, 17 da de Lugo, 21 da de Ourense e 14 da de Pontevedra), os que se beneficien deste proxecto.

Os provedores dos recursos pesqueiros para a realización desta iniciativa son as principais asociacións de armadores de Galicia, produtores e acuicultores, que colaboran no financiamento do produto, contribuíndo de xeito importante ao desenvolvemento e consolidación da campaña. Son ABSA Asociación de Burela S.A., Porto de Celeiro, Asociación de Armadores de Marín, Cooperativa do Mar de Ribeira, Asociación de Armadores de Vigo (Arvi), Asociación de Produtores de Rodaballo (Aroga) e Consello Regulador do Mexillón de Galicia as entidades colaboradoras con “Uhmm.... Peixe!!”. Pola súa banda, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aboa a parte restante dos gastos derivados da compra do peixe e será a responsable de organizar o traslado aos centros educativos do produto debidamente fileteado e desespiñado, para facilitar o labor dos profesionais do comedor.

A campaña busca vincular o feito de comer peixe a algo divertido, saboroso e, por enriba de todo, saudable, para lograr desenvolver actitudes positivas para o seu consumo. Ademais, e dado que os principias motivos do rexeitamento deste produto por parte dos nenos radica nas espiñas, a textura, o aspecto e o sabor, preténdese que os alumnos descubran novos sabores e texturas de peixe que lles permita achegarse ao pracer de comelo; coñezan o lugar onde se atopan as espiñas nas principais especies que consumen, e saiban manexar os instrumentos e técnicas que permiten separalas.

Así mesmo, dentro da campaña “Uhmm.....Peixe!!” e tal e como se fixo o pasado ano, impartirase un Obradoiro de Motivación de Consumo de Peixe en cada un dos colexios participantes para achegar aos escolares o mundo dos produtos pesqueiros. Nestas clases, de dúas horas de duración, dirixidas a nenos/as entre os 8 e os 10 anos de idade e que se dan despois do xantar e fóra do horario escolar, recibirán material didáctico formado por: un libro de receitas especialmente deseñado para os pequenos/as “Receitiñas, receitiñas para a miña barriguiña”, un quebracabezas preparado para que os escolares aprendan o uso da pá de peixe e o garfo, un xogo de cubertos e unha unidade didáctica “¡¡Uhmm... peixe!!”, que gardará relación co resto de materias do programa escolar.

Os obradoiros, un total de 115 que se realizarán nesta edición, serán impartidos por profesionais da docencia, especialmente preparados para esta acción, que contan coa formación e a experiencia axeitadas.

Como novidade este ano ofreceranse 40 obradoiros, dunha hora e media de duración, para os pais dos alumnos dos centros onde se desenvolve a campaña. O obxectivo é concienciar aos proxenitores da importancia que ten o peixe na dieta para o crecemento e desenvolvemento dos seus fillos. Para esta charla aplicarase unha metodoloxía activa e participativa, mediante dinámicas grupais, co fin de conseguir a implicación dos pais.

Para facilitar a aceptación desta campaña entre os nenos deseñouse unha mascota para facer máis divertidas todas as accións desenvolvidas no marco deste proxecto. A Raspiña é un deseño galego que pretende facer do que menos gusta aos rapaces do peixe o máis divertido.

O desenvolvemento deste programa no 2008, que terá lugar nos propios centros educativos, amplíase con respecto á experiencia das edicións anteriores. Nesta ocasión a campaña vaise realizar entre os meses de febreiro a maio e de outubro a novembro.

Fotografía: Arquivo GD

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-02-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES