
A Dirección Xeral de Comercio, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, leva o stand institucional de Artesanía de Galicia á 39 edición de Iberjoya, que se celebra en Madrid entre o 14 e o 18 de febreiro. A xerente da Fundación, Maruxa Ledo, desprazarase ata a feira para acompañar os cinco obradoiros galegos que acoden baixo o distintivo da marca. Esta iniciativa enmárcase no programa de actuacións de impulso do sector artesán galego nos mercados de fóra de Galiza, que a Dirección Xeral de Comercio iniciou xa durante a última parte de 2007.
Os artesáns que acoden ao Salón Internacional de Xoiaría, Prataría, Reloxaría e Industrias Afíns Iberjoya con Artesanía de Galicia contarán cun espazo propio para expoñer as súas pezas dentro do stand institucional, cun almacén e mais con persoal de apoio comercial. A Fundación ofrécelles tamén un servizo de transporte das pezas e un seguro, ademais de subvencionar o 75% do custe do seu espazo individual. O stand de Artesanía de Galicia estará situado no pavillón 10 do Ifema de Madrid e poderase visitar en horario continuado de 10:00 a 20:00, agás o último día, que pechará ás 15:00 horas.
Iberjoya é unha feira exclusivamente profesional, que está consolidada como o principal encontro de xoiaría en todo o Estado, ao tempo que está considerada un dos máximos referentes internacionais do sector. Na edición deste ano hai 550 empresas expositoras e estímase unha afluencia media de 22.000 profesionais da xoiaría, polo que se pretende que sexa unha excelente oportunidade de promoción e de negocio para os artesáns galegos que acoden coa marca Artesanía de Galicia.
A presenza institucional da artesanía galega en feiras profesionais responde a un obxectivo dobre da Dirección Xeral de Comercio que, dunha banda, pretende potenciar o uso e a difusión da marca Artesanía de Galicia e, da outra, impulsar a internacionalización dun sector cunha grande potencialidade económica. Nesta mesma liña, ten previsto levar o stand institucional ás feiras internacionais de París e Florencia, a finais de abril, e á Tendence de Frankfurt, a comezos do mes de xullo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.