Notas de prensa

Marina Mercante anuncia a compra de dous radares para detectar verteduras mariñas

Foi un dos asuntos tratados na xuntanza da comisión de seguimento do Protocolo de Colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento no ámbito do salvamento marítimo, prevención e loita contra a contaminación e seguridade marítima.

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, participou no Parador “Conde de Gondomar” de Baiona na xuntanza semestral da comisión de seguimento do Convenio de Colaboración, asinado entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento en setembro de 2006, que ten como obxectivo regular a cooperación en materia de salvamento marítimo, prevención e loita contra a contaminación e seguridade da actividade pesqueira. Nesta xuntanza, presidida polo director general de la Marina Mercante, Felipe Martínez, participaron tamén representantes do Ministerio de Fomento, de Sasemar, das Consellerías de Medio Ambiente, Política Territorial e Pesca, así como representantes das Capitanías Marítimas galegas.

No marco deste encontro, o director general de Marina Mercante anunciou a adquisición, por parte do Ministerio de Fomento, de dous radares HF marca Codar, únicos en España, que xa foron instalados nos faros de Cabo Silleiro e Cabo Fisterra e cos que a prevención e a loita contra a contaminación poderá ser máis rápida e eficaz. Estes novos radares, que se empregan na costa norteamericana dende hai algúns anos, detectan os movementos na superficie da auga, controlan as correntes máis superficiais e, tamén, a altura das ondas. Con estes parámetros, que se engaden ao método matemático que se emprega habitualmente, coñecerase con maior exactitude a deriva das manchas no mar para loitar contra elas antes de que cheguen á costa.

Así mesmo, no transcurso da reunión, informouse de todos os exercizos de adestramento, tanto aéreos como marítimos, levados a cabo conxuntamente por medios da Consellería de Pesca e do Ministerio de Fomento.

Outro dos asuntos tratados este mediodía en Baiona foi a situación da aplicación do Plan Nacional de Salvamento 2006-2009 en relación con Galicia. A día de hoxe Galicia conta, entre as últimas incorporacións de medios marítimos e aéreos, cun remolcador, o “Don Inda”, de 80 metros de eslora e cunha capacidade de recollida de hidrocarburos de 1.750 metros cúbicos, e cun avión Casa 235 de longo alcance e sistema de detección e seguimento de verteduras “Rosalía de Castro”, con base en Lavacolla. Así mesmo, Galicia dispón de dous remolcadores máis, o “Ibaizabal I” e “Ibaizabal III”, este último será substituído nos vindeiros meses polo “María Pita”. A nosa comunidade conta tamén con sete lanchas de salvamento, denominadas “Salvamar”, que se atopan distribuídas ao long da costa galega; co helicóptero Helimer Galicia, con base no aeroporto de A Coruña, e cunha base estratéxica de loita contra a contaminación no Polígono da Grela (A Coruña) na que están integrados un grupo operativo de mergulladores.

A esta listaxe de medios que o Ministerio de Fomento ten desprazados na nosa comunidade autónoma teremos que engadirlle, nun futuro próximo, o novo buque de loita contra a contaminación e con 3.100 metros cúbicos de capacidade de recollida con base en A Coruña, adxudicado a finais do mes de xaneiro. Esta nova incorporación aos medios marítimos de Sasemar en Galicia permitirá reforzar a infraestrutura de recollida de hidrocarburos da que dispoñemos na actualidade.

Os novos medios e as melloras que supón a aplicación do Plan Nacional de Salvamento Marítimo en Galicia reforzan de xeito importante os medios cos que conta o Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca: 141 axentes, 70 vehículos, 25 embarcacións (incluídos os buques de apoio “Irmáns García Nodal”, “Sebastián de Ocampo” e “IP 700 Paio Gómez Chariño” e 2 helicópteros (Pesca 1 e Pesca 2).

Convenio Xunta de Galicia e Ministerio de Fomento

Cabe lembrar que o obxectivo do convenio asinado o 26 de setembro de 2006 en Madrid entre o Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e a Ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, foi o de establecer a colaboración entre a Consellería de Pesca e o Ministerio de Fomento no desenvolvemento de protocolos e plans de actuación de cara a coordinar as actividades no ámbito do salvamento marítimo, de acordo co establecido no Plan Nacional de Salvamento 2006-2009. Desta forma, o documento determina que os centros de Salvamento Marítimo do Ministerio de Fomento de Fisterra, A Coruña e Vigo son os que dirixen as operacións de busca e loita contra a contaminación, utilizando os seus propios medios e os que o departamento de Pesca pon á súa disposición.

Deste xeito, o acordo rubricado por Pérez Touriño e Magadalena Álvarez permitiu establecer un mando único e que tanto os equipos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos como do Goberno Central funcionen como unha unidade en caso de necesidade. Así mesmo, o documento contempla a mellora na formación de todo o persoal implicado neste tipo de actuacións e así o puxeron en práctica cos cursos aos que asistiron no Centro Jovellanos de Xixón.

O acordo inclúe, en materia de salvamento marítimo, o desenvolvemento e implantación de procedementos de activación, operativos e de comunicacións para unha maior eficacia co establecido no Plan Nacional de Salvamento. Tamén recolle a realización periódica de exercicios e prácticas conxuntas.

No tocante á prevención e loita a contaminación marítima, o convenio recolle a colaboración entre as dúas administracións no estudo e desenvolvemento de plans de protocolos para o intercambio de información e o emprego coordinado dos medios materiais e recursos dos que tanto o Servizo de Gardacostas como Fomento dispoñen nesta materia.

Finalmente, o documento fai fincapé tamén na colaboración no ámbito da actividade pesqueira e de seguridade dos buques pesqueiros. Neste apartado, as partes asinantes apostaron por armonizar os procedementos para as autorizacións dos barcos de pesca que sexan competencia das partes, e dos despachos de ditos buques. Ademais, tamén contempla o intercambio da información precisa para as actividades sinaladas e de cantos datos poidan ser de utilidade para ambas as dúas administracións en relación coa seguridade da vida humana no mar, salvamento e loita contra a contaminación.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES