Notas de prensa

Pesca publica a Orde que regula as axudas de mínimis para o sector pesqueiro en Galicia

Poderán optar a estas axudas para o mantemento da competitividade os armadores de embarcacións da terceira e cuarta lista do Rexistro de Matrícula de Buques baixo unha serie de condicións.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Orde do 11 de xaneiro de 2008 pola que se establece, na nosa Comunidade Autónoma, o procedemento para solicitar as axudas temporais ao sector pesqueiro de cara ao mantemento da competitividade nesta actividade, acollidas ao réxime de “mínimis”. Esta normativa supón o desenvolvemento do Real decreto 1517/2007, do 16 de novembro, o que permitirá á Administración autonómica xestionar os fondos que lle sexan transferidos a Galicia por este concepto.

Segundo a normativa publicada no DOG poderán ser beneficiarios destas axudas os armadores de pesqueiros pertencentes á terceira e cuarta lista do Rexistro de Matrícula de Buques que reúnan diversas condicións, como ter o domicilio fiscal da empresa en Galicia ou estar en situación de alta no Censo de Flota Pesqueira Operativa da Secretaría General de Pesca Marítima do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

Ademais, é preciso que os buques exerceran unha actividade pesqueira ou auxiliar durante un mínimo de 45 días entre o 1 de novembro de 2004 e o 31 de outubro de 2005. Non entanto, no caso de barcos de nova construción, que entraran en servizo con posterioridade ao 1 de novembro de 2004, os seus titulares subrogaranse nos dereitos pertencentes aos titulares dos buques substituídos, que produciran baixa no Censo da Frota Pesqueira Operativa.

Outro dos condicionantes para poder acollerse a estas axudas é, así mesmo, estar ao corrente das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública galega.

Contía das axudas

A contía das axudas será a que resulte de aplicar o coeficiente de 0,095 euros sobre o volume en litros de subministros de gasóleo das facturas xuntadas polo beneficiario e correspondentes ao período comprendido entre o 1 de novembro de 2004 e o 31 de outubro de 2005. Inicialmente, calcúlase que a nosa Comunidade percibirá uns 13 millóns de euros que serán transferidos dende o Goberno central en virtude das solicitudes de axudas que se reciban.

Neste eido, cabe sinalar que a Consellería de Pesca chegou a un acordo coas entidades colaboradoras para que, a través de entidades financeiras, os solicitantes poidan recibir un anticipo das subvencións, correndo por conta do departamento autonómico os intereses que orixinen os devanditos adiantos. A importancia desta medida radica en que os beneficiarios non cobran as axudas de xeito inmediato cando se presentan as solicitudes posto que o cumprimento dos trámites administrativos require un certo tempo.

A contía por beneficiario non poderá superar os 30.000 euros brutos durante tres exercicios fiscais e restarase do importe da axuda de cada beneficiario a cantidade de “mínimis” percibidas durante o exercicio fiscal correspondente e durante os dous anos anteriores.

De terse producido cambios na titularidade da embarcación nos dous últimos anos fiscais, deducirase do importe da axuda que corresponda a cada beneficiario a percibida polos anteriores armadores nos dous últimos anos fiscais.

Así mesmo, cabe sinalar que os potenciais beneficiarios destas axudas están determinados en relación a un período subvencionable pechado e a un censo definido de empresas pesqueiras en tanto cumpran os requisitos previstos no Real decreto 1517/2007, do 16 de novembro.

De cara a xestión e pagamento destas axudas, as asociacións do sector pesqueiro poderán actuar como entidades colaboradoras e para que esto sexa posible será preciso que a Consellería, o Ministerio e as devanditas entidades subscriban un convenio no que se recollerán as condicións e obrigas asumidas de todas as partes.

As solicitudes para percibir estas axudas para o mantemento da competitividade na actividade pesqueira irán dirixidas á Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, se ben poderán presentarse na sede das entidades colaboradoras, sendo o prazo de presentación dun mes a partires da entrada en vigor da Orde publicada no DOG.

As entidades colaboradoras serán as encargadas de comprobar e acreditar o cumprimento das condicións e requisitos determinantes da concesión da subvención e, unha vez realizada esa comprobación, remitirán á Dirección Xeral de Estruturas e Mercados da Pesca unha relación dos beneficiarios que cumpran os requisitos recollidos na devandita normativa. à súa vez, o departamento autonómico fará chegar a relación de solicitudes ao Ministerio, quen comunicará a dotación orzamentaria correspondente ás axudas xestionadas por Galicia.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-01-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES