
As instalacións da Confraría de Pescadores de Laxe acollen dende hoxe varios cursos de Operador Restringido del Sistema Mundial de Socorro y Seguridad Marítimo dirixidos a titulados náutico-pesqueiros, que serán impartidos por profesores do Centro de Seguridad Marítima Integral Jovellanos de Xixón. Estas actividades foron presentadas esta tarde polo director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga nun acto celebrado no pósito desta localidade coruñesa e no que tamén estiveron presentes o director e o xefe da división de Cooperación Marítima do devandito centro.
En total realizaranse sete cursos que estarán integrados por oito alumnos cada un deles e que terán unha duración de 40 horas lectivas. Estas actividades inclúense dentro das accións formativas do Plan Perseo do Ministerio de Fomento e serán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e a Sociedad de Salvamento y Seguridad Marítima.
O obxectivo dos cursos é formar aos titulados náutico-pesqueiros no desempeño de funcións relacionadas co servizo de radiocomunicacións nos buques acollidos ao Sistema Mundial de Socorro y Seguridad Marítimo (SMSSM), na zona marítima A1 (barcos que traballan a menos de 30 millas da costa). Ademais, quérese dotar aos alumnos dos coñecementos necesarios para superar o exame programado ao remate dos cursos.
Segundo o cronograma previsto, os asistentes recibirán formación sobre principios xerais e características básicas do servizo móbil marítimo; coñecementos prácticos e habilitación do equipo básico da estación dun barco; e procedementos operacionais e operación detallada da práctica dos sistemas SMSSM e os seus subsistemas. Así mesmo, abordarán cuestións relativas ás capacidades e sistemas operacionais para as comunicacións xerais e, ademais, realizarán prácticas en estacións reais.
Sistema Mundial de Socorro
A comezos do ano 1999 culminou o proceso de implantación do Sistema Mundial de Socorro y Seguridad Marítimo, coa adecuación da flota a este novo sistema. Este procedemento ten a finalidade de automatizar as comunicacións de socorro entre buques e os centros de coordinación de salvamento distribuídos ao longo do litoral marítimo.
Con este sistema tamén se pretende dar a coñecer as situacións de emerxencia a todas aquelas embarcacións próximas a un sinistro para que cooperen nas tarefas de salvamento, así como difundir a información de seguridade mediante a emisión automática de avisos aos navegantes e alertas meteorolóxicas.
Colaboración entre Pesca e o Centro Jovellanos
A Consellería de Pesca vén mantendo unha colaboración continua co Centro Jovellanos de Xixón, o que permitiu que, nos últimos anos, axentes do Servizo de Gardacostas completaran a súa formación en prevención e loita contra a contaminación nesta escola asturiana.
De feito, Pesca investiu máis de 43.000 euros nos cursos avanzados, celebrados entre outubro e decembro de 2006 e nos que participaron 64 axentes de Gardacostas. Así mesmo, outros técnicos deste e doutros departamentos da Xunta de Galicia implicados no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña tamén participaron no ano 2007 nas iniciativas que ofrece o Centro Jovellanos.
A formación que oferta esta institución, homologada pola Dirección General de la Marina Mercante, é impartida por expertos da Sociedade Estatal de Salvamento Marítimo (Sasemar) que teñen experiencia en accidentes como o do Erika e o Prestige e que dan as súas clases tanto nun nivel avanzado como nun nivel de dirección.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.