Notas de prensa

Entrega dos Premios Galicia de Comunicación 2007

Destacouse o papel comprometido do xornalismo galego a prol da autonomía e do impulso do autogoberno. Touriño valorou o xornalismo que se fai en Galicia porque cada día toma o pulso ao país, rexistra a tensión creativa e proporciona un exemplo de profesionalidade.

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, reafirmou o seu compromiso “público e irrenunciable” para seguir avanzando tanto na transparencia como no “escrupuloso respecto” á pluralidade informativa. O presidente asegurou que este compromiso xa tivo “unha primeira plasmación real” en leis como a de subvencións e transparencia, e adiantou que “terá a súa continuidade” na regulación da publicidade institucional e na reforma dos medios públicos de comunicación, “tal e como onte acordou o Consello da Xunta”.

“Unha reforma, esta última, certamente complexa polo radical cambio experimentado no eido audiovisual durante os 22 anos de existencia da Compañía de Radio Televisión de Galicia. Unha posta ao día que, sen dúbida, debe acometer unha profunda transformación estrutural do ente. Cambios que comprenden desde a reformulación do seu actual marco xurídico ata o establecemento dun novo sistema de financiamento, a redefinición da súa función nun contexto extremadamente competitivo e fragmentado, o papel do Consello de Administración da compañía, ou a elección do seu máximo responsable por unha maioría cualificada do Parlamento”, manifestou o presidente durante a súa intervención na entrega dos Premios Galicia Comunicación 2007.

Na lectura do seu discurso, Pérez Touriño enxalzou o papel desenvolvido polo xornalismo galego “a prol da promoción das bases da autonomía”. Primeiramente “porque descubriu que arredor da nosa singular personalidade cultural existía unha comunidade de intereses, un rosario de problemas comúns que superaba os angostos localismos para abrazar, como un torques de futuro, a todo o país”. E en segundo lugar, porque o xornalismo “vinculou a resposta a eses desafíos á existencia de institucións propias, próximas e democráticas”.

Na súa intervención, Pérez Touriño destacou o papel “dun xornalismo que se anticipou aos tempos cunha autonomía de papel, tinta e palabras, que non era o cuarto poder senón algo máis importante: o primeiro impulso do autogoberno”. Neste sentido, considerou “de xustiza” render tributo “a ese autogoberno anticipado que foi posible grazas á existencia dunha prensa comprometida co seu país. Unha prensa que denunciaba as eivas dunha Galicia afeita a vivir en illas localistas que reproducían, na política, na economía e na cultura, o tradicional minifundismo agrario.

O máximo mandatario galego lembrou que houbo unha época da nosa historia recente na que, a pesar de que había medios de comunicación, a existencia dun goberno autónomo non era máis ca un proxecto arelado por varias xeracións de galegos. Así, recordou que antes de que a autonomía nacese coas súas institucións o seu xermolo xa existía nas redaccións máis conectadas co sentimento que aniñaba en amplas capas sociais. “Cando a nosa terra aínda estaba orfa de autogoberno o xornalismo galego actuou de pioneiro, indo moito máis aló da consabida función de ser o “notario da actualidade” e historiador polo miúdo do noso acontecer”, remarcou.

Galardón simbólico

Así, o xefe do Executivo galego incidiu no deber de engadir un galardón máis aos que recibiron os profesionais, programas e medios nesta edición. Trátase, explicou, dun galardón simbólico a quen fixeron posible, co seu traballo, non sempre en condicións favorables, o milagre do autogoberno. Neste sentido, felicitou aos profesionais do xornalismo porque “xuntos escribistes unha páxina fermosa e inesquecible da nosa historia que os galegos deben coñecer e apreciar”.

Logo de recoñecer o papel que os medios de comunicación desempeñaron na conquista da autonomía, Pérez Touriño explicou que as voces máis senlleiras do noso xornalismo non se atopan exclusivamente no pasado. Entre os motivos de lexítimo orgullo como presidente dos galegos, Pérez Touriño quixo incluír o xornalismo que se fai hoxe en Galicia, “que cada día toma o pulso ao noso país, que cada día rexistra a nosa tensión creativa e que cada día proporciona un exemplo de profesionalidade”.

Trátase, incidiu, “dunha virtude que ten continuidade no tempo, xa que é herdeira dunha longa tradición que nos permitiu exportar plumas e talento aos medios de comunicación máis prestixiosos de España”. Neste sentido, indicou que non se pode describir a historia recente dos medios de comunicación en España eludindo a contribución decisiva dos galegos, “unha contribución non só persoal, senón tamén estilística e de actitude diante dos acontecementos”.

Alicerces imprescindibles do país

Os medios de comunicación e as institucións políticas son, en palabras do presidente galego, “dous alicerces imprescindibles do país que estamos construíndo entre todos”. Por iso, destacou, é unha satisfacción constatar que os nosos cidadáns dispoñen dunha prensa que se supera cada día, que non se arruga diante dos retos tecnolóxicos, que ofrece fiestras plurais á demanda de información e de opinión da nosa xente. Neste sentido, Pérez Touriño manifestou a súa aspiración porque os galegos vexan asimesmo, nas súas institucións, un esforzo constante por estar á altura deste gran país que temos.

Galardoados

Por último, o xefe do Executivo galego tivo palabras de recoñecemento para os galardoados, os que recibiron “a deusa da comunicación”, galardón creado polo escultor ourensá Acisclo Manzano. Pérez Touriño felicitou ao Carrabouxo “porque que cada mañá nos arrinca o primeiro sorriso”. Asímesmo valorou a tarefa de A Nosa Terra que dende hai décadas demostra cada semana que é posible un xornalismo en galego. Felicitou ademais a iniciativa de Radio Nacional de España que congregou en Lugo as nosas grandes voces poéticas, así como ao programa Alalá da Televisión Pública galega, “excelente altavoz da nosa música popular, pasando pola veterana Encrucillada de Andrés Torres Queiruga, “testemuño dunha Igrexa enraizada no seu país e no seu tempo”.

Por último, destacou o labor de La Voz de Galicia, “un barómetro de papel que rexistrou as constantes vitais da Galicia contemporánea e unha institucións que, durante 125 anos, enfiou as agullas sensibles da comunicación para tecer un país cohesionado e autónomo”.

O máximo mandatario galego presidiu esta noite a entrega dos Premios Galicia Comunicación 2007, nun acto no que estivo acompañado por numerosos persoeiros do mundo do xornalismo e da cultura, así como por unha ampla representación política galega.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2008-01-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES