
A sección xuvenil da Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse á Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Presidencia da Xunta, para que se dobre ao galego o filme Indiana Jones e o Reino da Caveira de Cristal. O próximo título de Spielberg, novamente protagonizado por Harrison Ford, chegará ás carteleiras de toda Galiza o 22 de maio.
O obxectivo que centrará o traballo das Mocidades da Mesa nas próxima semanas será conseguir que Indiana Jones e o Reino da Caveira de Cristal si se dobre ao galego, pois ten todas as expectativas de ser un filme de grande éxito e o público de Galiza debe ter garantido o dereito de poder ver esta estrea no seu idioma.
Desde a Mocidade pola Normalización Lingüística salientan que os mozos e mozas de Galiza, especialmente nas zonas urbanas e para o noso tempo de lecer, temos poucos espazos da nosa vida nos que poidamos desenvolvernos normalmente en galego, mais lamentan que a Secretaría Xeral de Política Lingüística non actúa para corrixir a situación.
Como exemplo evidente do que consideran unha deixadez de funcións por parte de Política Lingüística é que este departamento non está a traballar para que se apliquen as medidas sobre audiovisual que contén o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que o Parlamento aprobou por unanimidade en 2004 e que recolle no seu acordo de goberno o bipartito.
Concretamente, a entidade xuvenil lembra que o antedito Plan Xeral estabelece que se deben dobrar polo menos 10 filmes ao ano, entre os que presenten maiores expectativas comerciais. Isto aprobouse en 2004, mais non é só que non se aplicase, o máis grave é que desde Política Lingüística nin tan sequera se levantou o teléfono para negociar coas distribuidoras, argumentan.
Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.