A Consellería de Traballo estudará un plan de formación dirixido á reincorporación laboral dos traballadores e traballadoras afectadas polo peche da factoría de Henkel Ibérica en Culleredo. Tras asistir a unha xuntanza de traballo organizada polo alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, a delegada da Consellería na Coruña, María Debén, informou de que a institución local está a ultimar un plan de formación para os traballadores afectados que será presentado a este departamento autonómico nos vindeiros días, para a súa valoración e posterior aprobación.
Na devandita reunión, á que asistiron representantes do comité de empresa (o presidente, Miguel Avión, e a secretaria, Carolina López) e de Forte-Pasarena, empresa promotora do novo proxecto, o Concello presentou á delegada de Traballo un borrador dun programa experimental para os traballadores de Henkel para dar cobertura a unhas 80 persoas. Segundo informou Debén, a empresa manifestou que todos os traballadores integrados no plan formativo poderán ter cabida no novo proxecto.
María Debén manifestou ao alcalde de Culleredo a satisfacción e agradecemento de Traballo polo impulso desta iniciativa, por ser capaz de chegar a un acordo de interese para todas as partes, así como para as administracións interesadas en acadar un posto de traballo para os cidadáns de Culleredo afectados.
A responsable de Traballo na Coruña salientou que a vontade da empresa é crear ata 2009 uns 1.000 empregos. Asegurou, polo tanto, que a Consellería está aberta a todas as posibilidades que se plantexen para acadar este obxectivo, sempre e cando permitan ver nesta iniciativa un xacemento de emprego de calidade. De feito, Debén fixo fincapé en que a previsión da empresa é que o 80% dos postos de traballo que se creen sexan ocupados por mulleres.
Así pois, a delegada trasladou aos representantes da empresa o compromiso do conselleiro de traballo de ofrecer todo o esforzo que sexa necesario que permita a recolocación dos traballadores e traballadoras de Henkel en clave de estabilidade, calidade do emprego e en clave de igualdade.
Neste sentido, María Debén reiterou que a Consellería de Traballo está aberta a todas as posibilidades que se abran vinculadas a traballo de calidade, vinculadas a medidas de conciliación da vida familiar e laboral e que permitan ver que un número importante de mulleres poden atopar en Culleredo un posto de traballo.
María Debén indicou que o borrador do plan de formación será formalizados por parte do Concello de Culleredo nos vindeiros días, e posteriormente será presentado oficialmente á Consellería para a súa valoración e aprobación. Destacou que os representantes dos traballadores e os responsables da empresa manifestaron a súa satisfacción pola favorable acollida por parte das administracións local e autonómica ao novo proxecto.
O plan de formación no que está a preparar o Concello inclúe tres áreas de traballo: proceso comercial, comercio multimedia e comunicación co cliente-linguaxe comercial.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.