Notas de prensa

Pesca lembra que inviste máis de 800.000 euros no plan de recuperación do Burgo

O Consello da Xunta aprobou convenios para os mariscadores a pé e a flote, presentados polo departamento que dirixe Carmen Gallego, con vixencia ata o 30 de xuño de 2008.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos quere lembrar que, durante o primeiro semestre deste ano, ten previsto investir un total de 807.550 euros no plan de recuperación da Ría do Burgo, do que se benefician tanto mariscadores a pé como a flote. De feito, o pasado 20 de decembro, o Consello da Xunta aprobou a sinatura de dous convenios de colaboración entre o departamento
que dirixe Carmen Gallego e a Confraría de Pescadores da Coruña no marco do devandito plan de recuperación.

Así, o Goberno galego deu o seu visto e prace á subscrición dunha addenda que amplía e prorroga o protocolo que xa puxeron enmarcha Pesca e a confraría coruñesa en marzo de 2007 e que afecta ás mariscadoras a pé.

Ademais, autorizou un novo convenio entre o departamento autonómico e o devandito pósito para a realización do plan de recuperación produtiva do marisqueo a flote na Ría da Pasaxe en 2008. Ambos protocolos teñen unha vixencia prevista ata o vindeiro 30 de xuño.

Estas actuacións forman parte do importante esforzo económico que está a realizar Pesca para paliar a diminución de ingresos á que se ven abocados os traballadores do mar en varias rías galegas pola clasificación das súas zonas de produción de moluscos bivalvos como “C”, o que lles impide comercializar en fresco o recurso extraído nestas áreas. De feito, o departamento autonómico vén destinando aos mariscadores que traballan
nestas zonas axudas por un importe total que ascende a 14,8 millóns de euros anuais.

Ademais, o Goberno galego, a través das consellerías de Pesca e Medio Ambiente, ten posto en marcha un plan de actuacións de emerxencia para mellorar de forma urxente a calidade das augas nas zonas de produción de moluscos bivalvos.

Convenios coa Confraría da Coruña

Os convenios propostos por Pesca á Confraría de Pescadores da Coruña benefician tanto ás mariscadores a pé como ao sector de a flote. Deste xeito, a addenda coas mariscadoras a pé contempla unha partida de 633.188,78 euros, dos que 58.327,58 euros corresponderon a actividades a realizar a finais de 2007 e 574.861,20 euros son para a anualidade de 2008. O plan de traballo prevé, de xaneiro a xuño, 10 días mensuais de actividade, con quendas de catro horas (dúas antes e outras dúas despois da baixamar) e polos cales cada mariscadora percibe 82 euros por xornada.

Ademais, a clasificación da Ría do Burgo como “zona C” afectou en parte aos mariscadores a flote, polo que a Consellería estableceu un protocolo con este sector para os meses de novembro e decembro de 2007. De cara ao novo ano, a Consellería propuxo a subscrición dun convenio por importe de 174.361,22 euros. Neste caso, proponse un plan de traballo de 48 días, que se desenvolverá preferentemente entre os meses de xaneiro e abril, posto que en maio e xuño estará aberto o banco marisqueiro do Parrote, un dos
máis produtivos da zona. Dentro deste plan, cada traballador percibirá 82 euros por xornada.

Tanto no caso das mariscadoras a pé como no segmento a flote, os días de traballo e os ingresos por xornada traballada estipuláronse en función das medias de anos anteriores. Así, en 2004, as mariscadoras a pé adicaron uns 62 días á extracción de ameixa fina, ameixa babosa e berberecho. Esta cifra foi de 74 xornadas en 2005 e 55 no ano 2008, mentres que para 2008 a
Consellería de Pesca propón 60 xornadas xa para o primeiro semestre.

Polo que respecta aos profesionais a flote, traballaron 112 xornadas no ano 2004, fronte ás 109 do ano seguinte e as 56 do exercicio 2006. Estas cifras contrastan co número de días de traballo propostos por Pesca: 48 para un prazo de seis meses e que se desenvolverán principalmente de xaneiro a abril.

Ademais, neste caso estimouse que, das 38 embarcacións con permiso para marisqueo a flote da Confraría da Coruña, só unha media de 28 barcos se adican a esta actividade. Esto é debido a que a maioría destas embarcacións están despachadas para outras artes diferentes ás de marisqueo (nasa camarón, nasa polbo, trasmallos, percebe, palangrillo, entre outras), polo que teñen a posibilidade de adicarse a outras especies.

De feito, dende a Consellería de Pesca ofrecéuselle ao sector de a flote a posibilidade de que solicitaran novas artes de pesca para que puideran ampliar as súas oportunidades de traballo e, polo tanto, non verse tan afectados pola clasificación da Ría do Burgo como “zona C”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2008-01-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES