
O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, salientou o carácter indiscutible de servizo público do novo portal de Galicia para el mundo, www.galiciaparaelmundo.com. Fernando Salgado destacou na presentación da web que o programa Galicia para el Mundo é moito máis que un programa de televisión, é como unha fiestra aberta ao mundo, unha conexión continúa a través do audiovisual, unha placenta de imaxes que une aos galegos espallados por todos os recantos do planeta a través da canle internacional de Televisión Española e da canle internacional da Televisión de Galicia.
Na súa intervención, explicou que a lonxevidade e permanencia do programa responden a dous feitos, dunha banda, a extraordinaria audiencia da que goza a emisión e, doutra, o carácter indiscutible de servizo público do programa o cal, segundo resaltou, xustifica o continuo apoio da Xunta de Galicia a esta iniciativa.
Presenza nas televisións locais
Neste sentido, anunciou que a Secretaría Xeral de Comunicación e a produtora creadora da iniciativa, Portico, veñen de asinar un acordo para que o programa Galicia para el Mundo poida ser subministrado a calquera televisión local de calquera parte de España que o solicite previamente. Este acordo vai redundar, tal e como explicou o secretario xeral, nunha maior difusión do programa e responde, a unha demanda das televisión locais non só de Galicia senón de Cataluña, Andalucía e outras partes de España.
Proxección de Galicia no mundo
Coa posta en marcha do portal dixital, destacou que se asiste a un salto cualitativo de enorme importancia no que se refire á proxección de Galicia no mundo. Así, sinalou que a produtora creadora do proxecto aproveita as posibilidades que abre a sociedade da información e que ofrece concretamente a rede de redes para agrandar esa fiestra aberta ao mundo orixinada coa posta en marcha do programa.
Así mesmo, o secretario xeral de Comunicación subliñou que coa páxina web se inicia unha nova etapa onde se abren novas pantallas de difusión ademais da de televisión a través da internet. Destacou que se trata dunha páxina que vai funcionar baixo demanda, de xeito que, tanto os galegos residentes no exterior como calquera interesado, poida escoller a hora de emisión e os contidos que lle interesen.
Ademais, salientou a importancia de que a páxina incorpore un apartado de servizos para cubrir as necesidades de información que teñen os cidadáns galegos residentes no exterior. Neste sentido, referiuse ao apoio da Asociación Galega para o Comercio Electrónico de Calidade que vén a corroborar o campo de oportunidades que se abren con esta ferramenta de difusión e promoción dos produtos galegos no exterior.
Xunto ao secretario xeral de Comunicación, participaron no acto de presentación do portal, o produtor executivo da web, Lois Andrade, o director da empresa xestora do portal e presidente da Asociación Galega para o Comercio Electrónico de Calidade, Carlos González, así como un dos produtores do programa, Moncho Varela.
Referente no exterior
Desde a produtora destacaron que o programa constitúe un referente na comunidade galega e hispana no exterior. Explicaron que a súa creación responde á necesidade de divulgar Galicia no exterior a través da internet, por ser este o sistema que máis posibilidades ten a nivel global. Así mesmo, incidiron en que se trata dun produto audiovisual intelixente e de país que se adapta ás necesidades do novo mercado audiovisual no mundo.
Características da páxina
Lois Andrade explicou que a web presentada hoxe é unha páxina de servizos con capacidade de personalización. Destacou o sistema de noticias que incorpora, así como o de vídeos. Así mesmo, explicou que a páxina se rexe pola filosofía do programa que da lugar á creación de redes de carácter colaborativo. A intención, destacou, é dar cabida ás redes sociais da Galicia exterior mediante ferramentas como os blogs.
A páxina incorpora ademais para o mellor coñecemento da comunidade un moderno sistema de información xeográfico que permite a procura dos máis variados recursos de información sobre Galicia. A páxina engade unha sección con noticias sobre a comunidade, unha guía de Galicia Exterior e unha base de datos de centros galegos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.