O Consello da Xunta autoriza a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellaría de Innovación e Industria, a Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela para a realización dun proxecto de investigación sobre a modelización da oferta e da demanda actual e tendencial de predios rústicos (terras para o cultivo) en Galiza e o desenvolvemento e aplicación dun sistema de información xeográfica e de análise multicriterio en catro comarcas piloto.
A Consellaría investirá a través da súa Dirección Xeral de I+D+i 240.000 euros no proxecto, que ten un custo total de 360.000 euros no período 2007-2009. Esta axuda está cofinanciada nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e no 25% restante con Fondos de Compensación Interterritorial (FCI).
O obxectivo concreto do convenio é o desenvolvemento dunha metodoloxía e a definición dun conxunto de variables e indicadores que permitan avaliar o potencial produtivo sostible do solo en Galiza e o seu grao de marxinalidade, expresado como a diferencia entre as posibilidades de explotación sostible e a produtividade que realmente se está a obter. Coa información acadada con esta ferramenta, a administración pública poderá definir máis axeitadamente as prioridades de actuación e optimizar os recursos na planificación das políticas agroforestais, sempre na procura dunha agricultura sustentable.
O convenio segue as pautas do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010, que pretende estender os beneficios da investigación ao conxunto da sociedade galega e elaborar unha estratexia sectorial e tecnolóxica específica que actúe como motor de desenvolvemento da economía. Un dos sectores destacados como prioritarios é o Medio Rural, ao que se debe dotar de capacidade de modernización e de diversificación.
As axudas dirixidas ao medio rural teñen finalidade o desenvolvemento das actividades de I+D+I nos sectores agrario, gandeiro e forestal e, en concreto, o apoio aos proxectos que perseguen a diversificación e o aumento da eficiencia e calidade dos sistemas de produción. A mellora da organización produtiva, que é un dos obxectivos principais do proxecto que se desenvolve no convenio, representa unha das liñas prioritarias no marco da tecnoloxía sinalada.
A realización do proxecto de investigación correrá a cargo da Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, empresa de capital público integrada na Consellaría do Medio Rural, e do Laboratorio do Territorio (LaboraTe), adscrito ao Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago e especializado en estudos de ordenación do territorio, desenvolvemento rural, planificación da paisaxe e Sistemas de Información Xeográfica (SIX).
O estudo implicará un proceso de revisión bibliográfica para coñecer modelos e casos anteriores, unha análise da información previa e a obtención dunha metodoloxía determinada e termos de referencia que posibiliten definicións de potencial produtivo sostible, baldío, marxinal, actual ou tendencial. O ámbito de estudo estará constituído por catro comarcas piloto, que tratarán de reflectir as características agrolóxicas e socioeconómicas de Galiza, nas que se traballará a nivel municipal ou parroquial.
O traballo materializarase no deseño e na implementación de modelos para o estudo do estado actual do uso da terra en Galiza, para a representación do potencial agrario sostible do uso do solo, para a análise da marxinalidade e para a descrición da oferta e da demanda de terras e de predios rústicos na actualidade e de cara ao futuro.
Estes modelos servirán para determinar o uso produtivo das terras e permitirán analizar a influenza sobre o potencial agrario sostible do solo de variables como o clima, a dispoñibilidade de auga, as infraestruturas agrarias, a rede natura, os hábitats, o grao de naturalidade, etc. Deste xeito, extraeranse conclusións sobre as necesidades das explotacións que serán difundidas para o seu coñecemento no sector agrario, no ámbito científico galego e nos foros agrarios no ámbito estatal e no europeo.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.