A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, decidiu suspender cautelarmente os exames extraordinarios para a obtención do título de goberno de embarcacións de lecer, previstos na Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol.
A causa desta suspensión foi a imposibilidade de constituírse o tribunal nomeado pola Dirección Xeral e levouse a cabo co fin de que as probas se realicen con todas as garantías que contempla a lexislación vixente. De tódolos xeitos, tanto a convocatoria como o calendario do resto de exames permanecen inalterables.
A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro está en contacto permanente coas escolas e academias de preparación cuxos alumnos se poden ver afectados por esta medida. De feito, a directora xeral, Fátima Linares Cuerpo, así como o subdirector xeral de Ensino e Investigación Mariña e o xefe do servizo de Ensino, mantiveron unha xuntanza con representantes da Asociación Galega de Empresas de Ensinanzas Náuticas de Recreo (Ageenar) para comunicarlles que os exames suspendidos poderán realizarse, definitivamente, no prazo dunha semana con todas as garantías.
A formación para a obtención destes títulos impártese en escolas ou academias privadas, homologadas pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, aínda que os exames teñen que facerse nos centros autorizados dependentes deste departamento autonómico e coa presenza dun tribunal.
A Consellería de Pesca pídelles desculpas aos alumnos afectados por esta suspensión e comunícalles, ao igual que aos representantes de Ageenar, que ao longo da semana que vén poderán realizar as probas.
Denuncia de irregularidades
A problemática da Escola Náutico-Pesqueira de Ferrol, xurdida a raíz das supostas irregularidades realizadas por este centro e denunciadas perante a Consellería de Pesca, están sendo obxecto dunha investigación pola que se abriu un expediente informativo. Neste sentido, tal e como ten explicado Fátima Linares en diversas intervencións no Parlamento galego, se existe algunha proba, evidencia ou fundamento da existencia das devanditas irregularidades actuarase en consecuencia.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.