Notas de prensa

O Cetmar aproba un orzamento superior aos 6 millóns de euros para 2008

Presentouse o Informe de Xestión: situación do Cetmar a decembro de 2007 que recolle o apoio ao sector marítimo-pesqueiro en accións internacionais, a colaboración na formación e o impulso á conexión tecnolóxica.

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, presidiu a reunión do Padroado do Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación Cetmar, á que tamén asistiron a directora xeral de Investigación do Ministerio de Educación e Ciencia, Montserrat Torné; a directora xeral de Innovación e
Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares; e o director do Cetmar, Alberto González-Garcés. Na xuntanza, celebrada nas instalacións do Cetmar en Vigo, tamén estiveron presentes como membros do Padroado responsables do Instituto Español de Oceanografía (IEO), das consellerías de Educación e Innovación e Industria e de Cecopesca, así como representantes das universidades de Vigo e A Coruña.

A sesión deu comezo, segundo constaba na orde do día, coa lectura da acta da reunión anterior celebrada o pasado 28 de xuño deste ano, que foi aprobada por asentimento de todos os presentes. Outro dos puntos a tratar foi a aprobación do orzamento do centro para 2008, que superará os 6,6 millóns de euros, correspondentes ao presuposto de explotación e ao de capital, dos que a Consellería de Pesca aportará, para o apartado de presuposto de explotación, un total de 600.000 euros (case 200.000 euros máis que no actual exercicio).

Así mesmo, o director do Cetmar lembrou que na anterior reunión do Padroado decidiuse ceder, por un período máximo de dous anos, un espazo no centro para a ubicación provisional das oficinas da “Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento” e explicou que este organismo xa está asentado no centro. Ademais, informou de que o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas tamén está empregando dependencias do Centro Tecnolóxico do Mar, mentres non dispoña das súas instalacións definitivas en Vigo, en virtude dos acordos adoptados na sesión do Padroado desenvolvida en decembro de 2006.

Liñas de actuación

Por outra banda, Alberto González-Garcés expuso aos presentes o “Informe de Xestión. Informe de situación do Cetmar a decembro de 2007”. Neste apartado, o director do Centro Tecnolóxico do Mar e secretario do Padroado explicou as principais liñas de actuación desenvolvidas no segundo semestre deste exercicio, que son o apoio ao sector marítimo-pesqueiro nas súas actividades internacionais, a colaboración na formación organizando cursos e deseñando plans formativos; e o impulso á conexión entre o entorno científico-tecnolóxico e o económico-produtivo.

Así mesmo, entre as liñas preferentes tamén se atopan o desenvolvemento e coordinación de proxectos en materia xurídica, económica e sociolóxica relacionados con temas marítimos, pesqueiros e acuícolas; a dinamización da I+D+i do medio empresarial adicado á produción, elaboración, transformación, conservación e distribución de produtos pesqueiros e acuícolas; e a protección, conservación rexeneración e mellora do medio e dos recursos mariños.

O director do Cetmar, aproveitou ademais para realizar un repaso polas actividades desenvolvidas nos últimos seis meses, entre as que se atopa a dinamización da Rede Tecnolóxica para a Prevención e Resposta ás Verteduras Mariñas (Prevecma); a cooperación con diversos países africanos e centroamericanos, tanto cos propios estados como coas industrias galegas instaladas nesas latitudes; ou as tarefas do Centro de Formación “A Aixola”.

González-Garcés tamén salientou que, ante o remate do proxecto Aquarreg en materia de pesca e acuicultura, estase preparando a posta en marcha dunha nova iniciativa nas mesmas áreas que se baseará na colaboración entre Galicia e a rexión de Trondelag en Noruega; a rexión BMW en Irlanda; Bretaña en Francia; e tres rexións de Canadá.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2007-12-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES