
O Sindicato Labrego Galego fixo o 12 de decembro unha concentración diante da subdelegación do Goberno en Ourense para esixir do Ministerio de Agricultura que traballe para virar a actual dirección que está a tomar a reforma da Organización Común de Mercado (OCM) do Viño. Na manifestación, que se encadra nunha campaña de protestas organizadas en todo o Estado pola Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), estiveron presentes a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, e o responsábel da Dirección do Viño do sindicato, Manuel Docampo, xunto a un cento de viticultores e viticultoras vidos de toda a
xeografía galega.
A reforma da OCM do Viño, que marcará as directrices do sector en toda a Unión Europea, supón unha grande ameaza para Galiza e para o modelo de vitivinicultura de calidade polo que se está apostando cada vez máis forte e que é a razón de ser das nosas
denominacións de orixe, modelo que defende o Sindicato Labrego Galego.
Respecto disto, Docampo explicou que o máis duro desta reforma é a liberalización das plantacións de viñedo que, de ir para adiante, significaría que calquera podería plantar vides onde lle petase. A reforma sería letal para as nosas denominacións de orixe ao incluír unhas normas para a etiquetaxe que xerarán confusión e fraude por permitir que figure a caste de uva e o ano da colleita. Isto é así porque se podería envasar viño con uva
procedente de calquera parte do mundo e sen estar sometido aos controis e normativas de ningún consello regulador. A reforma da OCM, tal e como está redactada, supón entregarlle o sector vitivinícola en bandexa a unhas poucas multinacionais. A isto último axudarían outras normas previstas, como prohibir as axudas para comercializar dentro da Unión Europea e só dalas para exportar, co cal quedarían excluídas as pequenas e medianas adegas que non exportan, que son o meirande en Galiza e en Europa.
Por todo o devandito, Manuel Docampo esixiu unha viraxe radical na reforma da OCM do Viño e unha postura clara do Ministerio de Agricultura que, en caso de non lograr unha normativa acorde aos intereses da vitivinicultura de calidade e das denominacións de orixe, debería recorrer ao dereito de veto do Estado Español. Agora mesmo, a posición do Ministerio de Agricultura respecto da reforma da OCM segue a ser confusa e a Ministra, Elena Espinosa, só lanzou consignas mediáticas e electoralistas, pero sen apuntar ningunha medida concreta.
Pola súa banda, o Sindicato Labrego vai seguir defendendo o modelo de vitivinicultura de calidade, no que aínda se pode afondar máis con respecto ao que xa se ten feito, e nesa
dirección ten que ir a reforma da OCM, afirmou Docampo. E nesa defensa, e na posición contraria á reforma da OCM tal e como está redactada non está o Sindicato Labrego só, asegurou o sindicalista, están tamén todas as denominacións de orixe (xa fixeron pronunciamentos explícitos ao respecto O Ribeiro e Rías Baixas), as asociacións e cooperativas do sector, case todas as comunidades autónomas e boa parte das organizacións agrarias europeas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.