A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, compareceu no Parlamento de Galicia, a petición propia, para informar da marca de calidade certificada para os produtos da pesca e o marisqueo da nosa comunidade, PescadeRías, de onde se non?, que está a impulsar o departamento que dirixe.
Gallego Calvar explicou que o traballo para a posta en marcha desta certificación comezou no mes de maio de 2006 e que a marca conta co respaldo do conxunto do sector pesqueiro e marisqueiro galego, que participou dende o primeiro momento no desenvolvemento do regulamento.
Neste senso, destacou que PescadeRías leva consigo un intenso traballo de formación e información e anunciou que o 15 de febreiro do ano que vén comezará a campaña de publicidade que buscará o posicionamento da marca, que terá a súa posta de largo diante dos consumidores en marzo de 2008.
A responsable de Pesca explicou no Parlamento que un dos obxectivos que levaron ao seu departamento a poñer en marcha unha marca de calidade foi o de darlle valor engadido aos produtos da baixura de Galicia, un valor engadido -dixo- que axudará á xente do mar a mellorar as súas rendas xa que, por exemplo, poderá repercutir no peixe os custes de produción. Neste intre, Carmen Gallego lembrou que unha das primeiras accións que
levou a cabo o novo Goberno foi a liberalización do sistema de venta xa que antes só permitía vender á baixa. Ademais disto, destacou que a nova certificación de calidade posibilitará aos consumidores estar ben informados sobre o que levan á casa porque os produtos galegos deben competir a través da calidade e a innovación. Na súa intervención, Gallego Calvar asegurou que PescadeRías axudará a evitar o fraude ao consumidor xa que introduce seguridade alimentaria debido a que todos saberán o que mercan. Deste xeito, insistiu en que a decisión de
desenvolver a marca beneficia a todos: produtores, consumidores,
restauradores...
Así mesmo, explicou que un total de noventa e nove produtos procedentes da baixura galega poderán acollerse á certificación PescadeRías, de onde se non?. E boa proba da magnífica acollida que recibiu a marca por parte do conxunto do sector pesqueiro galego é que a meirande parte das lonxas galegas apostou por ela, aínda que polo momento só 23 delas poderán comercializar os produtos baixo esta denominación ao inicio da campaña, no mes de marzo de 2008, segundo sinalou a Conselleira.
Regulamento da marca
Por último, Carmen Gallego explicou na súa comparecencia as
especificacións que deberán cumprir os recursos para poder chegar ao mercado baixo o distintivo auspiciado pola Consellería. Deste xeito, os consumidores terán garantido que cando levan a casa un produto PescadeRías este ten unha orixe galega e uns índices de frescura e calidade certificados. Os grupos de especies amparados pola marca, ata noventa e nove, son: algas, moluscos, crustáceos, equinodermos e peixes, mentres que os usuarios dos recursos certificados polo distintivo son: lonxas, centros de depuración/expedición; cetáreas e distribuidores de peixes e mariscos que teñan as súas instalacións ubicadas en territorio galego.
Así, tralas consultas co sector, deron comezo as accións informativas ás confrarías de pescadores a cargo de técnicos da Consellería. Esta tarefa é de gran importancia porque os usuarios do certificado deberán garantir o cumprimento da normativa hixiénico-sanitaria que se lles aplique, en especial a referida á adecuación das prácticas e comportamentos do persoal na manipulación dos produtos, das condicións ambientais de tratamento e das instalacións e dos equipos empregados. Tamén é
salientable o proceso de formación nas lonxas que foi o seguinte paso neste proceso de implantación do distintivo de calidade para os produtos da baixura. Esta acción verase complementada polas auditorías naqueles establecementos que, despois dos cursos de formación, están en disposición de certificar o produto. Tamén comezará neste intre ó labor do Comité de Certificación de PescadeRías, encargado de autorizar á lonxa para empregar a marca.
Na páxina web da Consellería de Pesca (http://webpesca.xunta.es) atópase a disposición de todos os interesados un resumo do regulamento da nova marca de calidade dos produtos pesqueiros e marisqueiros galegos.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.