
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) están traballando na elaboración dun mapa de patoloxías que afectan aos peixes de produción acuícola mariña, que servirá de base para o deseño e creación dunha rede de vixilancia epidemiolóxica. Así se recolle nun convenio de colaboración asinado entre as dúas institucións, no que se establecen as condicións polas que se rexerá a cooperación entre a Consellería de Pesca e a Universidade compostelá.
O devandito protocolo regula a primeira anualidade do subproxecto Caracterización e estandarización de condicións de sanidade animal en acuicultura mariña: creación de mapas epidemiolóxicos e elaboración de estratexias para o deseño dunha rede de vixilancia epidemiolóxica, enmarcado no Plan Nacional Xestión sanitaria. Esta acción foi aprobada na 61 ª xuntanza da Junta Asesora de Cultivos Marinos (Jacumar) e conta coa participación de Andalucía, Cataluña, Canarias, Murcia e Galicia. O seu obxectivo é adaptar o ordenamento xurídico español á nova Directiva Comunitaria relativa aos requisitos zoosanitarios dos animais e dos produtos da acuicultura, así como á prevención e control de certas doenzas dos animais acuáticos.
O subproxecto para o que se establece o convenio entre a Consellería de Pesca e a Universidade obedece ao feito de que a sanidade animal ten unha relevancia cada vez maior na xestión das empresas de acuicultura. Por esta razón, levarase a cabo unha mostraxe de especies acuícolas, de exemplares desas mesmas variedades obtidos no medio natural e dunha serie de especies silvestres que frecuentan as inmediacións das piscifactorías.
O obxectivo último é poñer a punto a infraestrutura necesaria para establecer, de forma permanente, redes de vixilancia epidemiolóxica mediante a dotación de equipos axeitados e a preparación do persoal técnico. Deste xeito abordaranse as principais enfermidades infecciosas dos peixes na acuicultura mariña, sendo de especial importancia resaltar neste eido que as doenzas de sanidade animal afectan unicamente á produción das diferentes especies cultivadas, polo que está descartado que prexudiquen aos humanos.
Esta sondaxe sobre exemplares piscícolas, e paralelamente sobre especies do medio natural, supón un estudo pioneiro en toda España que permitirá valorar as posibles interaccións entre as instalacións e a fauna ictícola local. Para o establecemento da rede de vixilancia é fundamental o apoio de laboratorios de diagnose suficientemente dotados de infraestrutura e persoal para o procesado de mostras procedentes de peixes, como é o caso da Unidade de Ictiopatoloxía-Sección de Viroloxía da USC.
Ademais, a información para a creación da rede de vixilancia obterase a partir da elaboración dun mapa das enfermidades presentes en peixes procedentes de acuicultura mariña. Esta ferramenta constituirá un instrumento científico para a xestión e política sanitaria por parte das administracións, á vez que servirá de base para a planificación dos futuros sistemas de control.
Todas estas actuacións redundarán na protección activa do medio natural, nun descenso do risco sanitario para as explotacións acuícolas e nun incremento de confianza por parte da poboación en xeral e dos consumidores de produtos piscícolas en particular.
Colaboración entre Pesca e a USC
Segundo o convenio asinado entre o departamento que dirixe Carmen Gallego e a USC, constituirase unha comisión mixta de seguimento encargada da interpretación e avaliación das accións derivadas do devandito protocolo e que estará integrada, por parte da Consellería, pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro ou persoa en quen delegue, David Iglesias Estepa e Eloy Areoso Casal, coordinadores do subproxecto.
Pola súa banda, a universidade compostelá estará representada pola vicerreitora de Investigación e Innovación ou a persoa que designe e Carlos Pereira Dopazo e Isabel Bandín Matos, directores de Ictiopatoloxía-Sección de Viroloxía. Ademais, a USC informará periodicamente ao coordinador do subproxecto da marcha dos traballos realizados mediante a emisión dos informes correspondentes.
A duración do convenio está fixada ata o 31 de decembro deste ano, se ben poderá prorrogarse por períodos posteriores de seis meses ou ata a finalización dos traballos. Os resultados obtidos serán propiedade da Consellería, de xeito que se a USC quere empregalos para a súa difusión ou publicación deberá solicitar a conformidade da administración autonómica.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.