Notas de prensa

A USC elaborará os atlas dixitais dos municipios pontevedreses

O venres 30 de novembro asínase un convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Santiago de Compostela para a realización de Atlas dixitais interactivos dos concellos da provincia de Pontevedra.

A Universidade de Santiago de Compostela levará a cabo este proxecto a través do grupo de investigación dirixido polo profesor José Ramón Chantada Acosta, adscrito ó departamento de Xeografía.

O convenio estará en vigor durante un prazo de doces meses, a partir do día seguinte ó da súa asinatura.

Os 62 atlas incluirán os máis de 6.000 núcleos de poboación da
provincia e todas as parroquias (606) individualizados en ortofotos. Os núcleos representaranse individualizados a escala 1:4.000, que permite ver de modo uniforme todos os asentamentos e os elementos do espazo xeográfico que enmarcan calquera núcleo no territorio. Cada vista irá acompañada de mapas, que indicarán a posición relativa de Galicia en Europa, a do concello en Galicia, a parroquia no concello e a do lugar respecto do resto dos núcleos da parroquia.

Presentaranse tres apartados con listas de dados estatísticos de todos os lugares. No primeiro apartado os núcleos por orde alfabética no concello, no segundo ordenados no concello segundo o seu efectivo de habitantes, e no terceiro ordenados alfabeticamente por parroquias. Todos os datos procederán da última publicación do Padrón de habitantes feita polo Instituto
Nacional de Estadística.

A obra basearase nas imaxes dixitais raster de fotogramas (en formato ECW) do século XXI facilitadas polo director do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) Dr. D. Edelmiro López Iglesias. Presentarase nos atlas o resultado do traballo persoal individualizado mediante xeorreferenciación en Sistemas de Información Xeográfica de todos os núcleos de poboación, as
correspondentes bases de datos e outros arquivos de formatos vectoriais.

Contarase para unha maior precisión das localizacións con copia do mapa dixital de escala 1:5.000 da Xunta da Galicia facilitado pola Consellería de Ordenación do Territorio e Política Territorial con máis de 5.000 arquivos correspondentes a cada unha das follas do mapa en formato vectorial.

Toda a información dixital será procesada para presentala en formato PDF de Acrobat de forma interactiva a partir de individualizacións das imaxes núcleo a núcleo. Todas as páxinas disporán de botóns de navegación.

Presentarase un atlas interactivo como mostra no acto de sinatura oficial do convenio entre as dúas institucións. Este Proxecto de investigación de elaboración de atlas individualizados por concellos será dirixido polo Dr. José Ramón Chantada Acosta, profesor titular de Análise Xeográfica Rexional do Departamento de Xeografía da USC, e o seu equipo de investigación de xeógrafos. O Dr. José Ramón Chantada Acosta, xeógrafo, doutorouse en Xeografía e Historia en 1982 e comezou a súa actividade docente en 1976 no departamento de Xeografía de Universidade de Santiago de Compostela, que dirixiu entre 1989 e 1991. Como profesor de Análise Xeográfica Rexional na Universidade de Santiago de Compostela centrou a súa investigación na ordenación do territorio, na xeodemografía e na cartografía. Foi pioneiro na aplicación da teledetección e dos Sistemas de Información Xeográfica (SIX) en Galicia. Foi profesor invitado nas Universidades de Cork, Nantes e Maine (Le Mans). Desde 1995, profesor colaborador nas licenciaturas de “Ecologia e Paisagismo” e de “Arquitectura” da Escola Superior Gallaecia (Portugal).

Ampliou os seus estudos sobre Xeomorfoloxía Litoral en París na École Pratique des Hautes Études e sobre Sistemas de Información Xeográfica nas Universidades de Durham e Londres no Reino Unido.
Aparte de numerosos artigos e comunicacións, publicou entre outras obras:
- Paisaje agrario en la Galicia Noroccidental (1982; versión en galego de 1989).
- Las parroquias de Galicia. Cartografía y estadísticas (1985).
- Estructura por edad y sexo en Galicia (1994).

Foi director e coordinador das 25 follas do Noroeste da Península
Ibérica do Mapa de Ocupación del Suelo de España a escala 1:100.000 (1991) publicadas polo Instituto Geográfico Nacional a partir do proxecto: Dirección y Coordinación en el Noroeste de la península Ibérica del "Mapa de Ocupación del Suelo de España. Escala 1:100.000". Proyecto LAND COVER (Programa CORINE de la Dirección General de Medio Ambiente de las Comunidades Europeas)”.

Formou ou forma parte entre outras sociedades científicas de: o
Instituto de Estudios Avanzados da OTAN, da Sociedade Galega de Xeografía, da Asociación de Geógrafos Españoles, da Real Sociedad Geográfica, da Association of American Geographers, da Royal Geographical Society de Londres, ademais de “Chercheur attaché” do Centre National de la Recherche Scientifique.

Foi membro fundador da Asociación Española de Teledetección, da
Asociación Española de Sistemas de Información Geográfica y Territorial e do Servizo de Tratamento Dixital da Imaxe da Universidade de Santiago de Compostela.

José Ramón Chantada Acosta (profesor de Xeografía da USC), 2007-11-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260619-xunta.JPG) O programa formativo Medrando Xuntas permitiu que as mulleres participantes traballasen habilidades clave como a comunicación, a organización, o liderado, a toma de decisións, a participación interna e a mellora da confianza profesional, ao tempo que se fomentou a creación dunha rede de mulleres que se apoian, colaboran e comparten recursos e que se deron a coñecer proxectos que están a transformar a economía. En primeiro lugar, Medrando Xuntas contou cun programa formativo para reforzar a súa participación nas entidades de economía social. En segundo lugar, a formación para directivas estaba dirixida a mulleres con responsabilidades de dirección ou proxección cara ao liderado.
Foto de la tercera plana (medio-ambiente.jpg) Unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies desenvolverá unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. Neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Notas

A Real Filharmonía de Galicia presentou a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual.
A sala Normal acolleu a presentación da publicación 'De Esmelle a Ãtaca', unha reflexión de Emma Pedreira e María Besteiros sobre a pegada de Begoña Caamaño na escritura mítica feminista, editada polo Servizo de Publicacións da institución académica. O acto, protagonizado por unha das autoras, María Besteiros, foi aberto pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deportes da Universidade da Coruña, Cristina Naya.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES