Notas de prensa

Gardacostas de Pesca realizan un exercicio de adestramento de loita contra a contaminación mariña na Pobra do Caramiñal

Contaron coa colaboración da Cruz Vermella, Protección Civil e a Asociación de Bateeiros da Pobra do Caramiñal, así como de Portos de Galicia e Salvamento Marítimo.

Gardacostas da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, en colaboración con Cruz Vermella, Protección Civil e a Asociación de Bateeiros da Pobra do Caramiñal, así como de Portos de Galicia e Salvamento Marítimo, realizaron un exercicio de adestramento de loita contra a contaminación mariña nas proximidades do peirao da Pobra do Caramiñal. A realización deste exercicio serviu para especializar ao persoal participante no operativo no emprego dos medios para a loita contra a contaminación no mar por hidrocarburos, así como para o mantemento dos equipos materiais. Ao simulacro asistiu o secretario xeral da Consellería de Pesca, Miguel Ángel López Sieiro, que seguiu de preto o desenvolvemento do operativo.

O simulacro foi coordinado por Gardacostas de Galicia e iniciouse co traslado de todo o material ata a rampa do peirao. De seguida comezou o despregue das barreiras anticontaminación e continuouse coa montaxe e posta apunto do “fast-tank e o emprego do “skimmer”. O simulacro rematou coa recollida de todo o material e cun “debriefing”, é dicir, cunha reunión de conclusión onde todos os participantes analizaron os resultados desta acción práctica.

Para a realización desta actuación os Gardacostas puxeron en marcha un dispositivo de persoal por terra, encargado de despregar no peirao a barreira anticontaminación de remolque, “Current Buster”; así como de embarcacións e tripulación por mar, co buque de apoio e salvamento “Irmáns García Nodal” e as súas lanchas auxiliares.

Así mesmo, os axentes da Consellería de Pesca contaron coa colaboración da Cruz Vermella da Pobra do Caramiñal, coa embarcación “Langosteira”, que se encargou de remolcar e despregar unha das barreiras de contención de Portos de Galicia; e con persoal de Protección Civil local. Tamén participou a Asociación de Bateeiros desta localidade con dúas embarcacións e as súas tripulacións, axudando a remolcar e despregar no mar a barreira “Current Buster” do Servizo de Gardacostas.

Ademais, no simulacro interveu Portos de Galicia, con persoal e material de loita contra a contaminación (como a barreira de contención RO-BOOM 1000). Salvamento Marítimo tamén aportou para este exercicio persoal especializado da base loxística da Grela (A Coruña). A entidade mercantil Port Vigo quixo colaborar cunha lancha de apoio.

O desenvolvemento deste exercicio de adestramento levado a cabo na dársena da Pobra do Caramiñal realizouse segundo o previsto inicialmente e cun resultado moi satisfactorio, segundo confirmaron os coordinadores do exercizo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2007-11-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES