
Por unha banda, no transcurso do servizo de vixilancia realizado o día 14 de novembro pola mañá por axentes de Gardacostas na Ría da Pasaxe, detectouse unha embarcación fondeada no esteiro que xa fora avistada nalgunha ocasión anterior levando a cabo traballos de extracción de marisco nesta ría sen contar coa preceptiva autorización. A lancha, que tiña un número de folio falso, foi comisada pola embarcación de Pesca IP-303 Illa Vionta.
Así mesmo, durante a pasada madrugada membros Gardacostas de Pesca interceptaron nas proximidades da Ponte da Pasaxe, no termo municipal de Oleiros, un vehículo modelo Nissan Serena que ocultaba no seu interior un mariscador furtivo que fora visto na zona de Santa Cristina. Os axentes solicitaron a colaboración da Garda Civil de Oleiros e atoparon no coche sete quilos de ameixa e diversos aparellos de marisqueo. Despois de identificar ao conductor, os Gardacostas levantaron a correspondente acta de presunta infracción e incautaron o automóbil. O marisco foi sementado na ría, tarefa para a que se contou coa axuda da embarcación de vixilancia da Confraría de Pescadores da Coruña.
Estas operacións súmanse a un amplo operativo levado a cabo tamén na Ría do Burgo hai agora un mes xunto con axentes do Servizo Marítimo da Garda Civil e a Policía Nacional e que permitiu aprehender 11 embarcacións e diversos últiles empregados no marisqueo furtivo.
Estas actuacións forman parte dos diversos dispositivos conxuntos que se veñen desenvolvendo na Ría da Pasaxe de forma habitual por parte do Servizo de Gardacostas coa colaboración da Garda Civil, Policía Nacional, Policía Nacional adscrita á Autonomía e a Policía Local, co fin de loitar contra o furtivismo nesta zona.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.