Notas de prensa

Traballo promove un programa de acceso da empresa galega ao mercado das licitacións internacionais

Asinado un convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo, a Confederación de Empresarios de Galicia e Caixa Galicia para a posta en marcha dun mecanismo novidoso co que se pretende acadar o 0,5% da contratación das institucións multilaterais de cooperación.

A Consellería de Traballo márcase como obxectivo que as empresas galegas poidan presentar as súas ofertas a concursos públicos das principais institucións autoras de proxectos de desenvolvemento internacional. Por iso, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia e con Caixa Galicia promoverán o Proxecto para o Acceso das Pemes Galegas ás Licitacións Internacionais. Trátase dun programa que fomenta o acceso das empresas da Comunidade Autónoma ao mercado das licitacións internacionais. Así o explicou o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, tras a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Traballo, a Confederación de Empresarios de Galicia e Caixa Galicia.

Varela adiantou que o servizo estará vixente ata 2011, para o que contará cun orzamento total de preto de 2 millóns de euros. O conselleiro de Traballo manifestou que este servizo é un mecanismo novidoso e inexistente noutras Comunidades Autónomas. Deste xeito, “Galicia aspira acadar o 0,5% da contratación das institucións multilaterais de desenvolvemento”, como son o Banco Mundial ou o Banco Interamericano de Desenvolvemento. Isto suporía acadar licitacións por valor de preto de 325 millóns de dólares, que beneficiarían a máis de 80.000 empresas galegas.

Varela definiu esta iniciativa como a chave que abrirá ás empresas da nosa Comunidade Autónoma cara ao mercado exterior.

Este proxecto axudará aos empresarios galegos a localizar as ocasións de negocio, informar sobre a documentación que deberán presentar e, se é preciso, desenvolver tarefas de seguimento, detallou o conselleiro.

Este compromiso xustifícase pola urxencia de poñer en marcha proxectos de achegamento das pequenas e medianas empresas galegas a estas licitacións, coa finalidade de non perder competitividade, aclarou o responsable da Consellería de Traballo.

Beneficios desta iniciativa

Ricardo Varela resaltou o feito de que este mecanismo suporá un incremento de emprego directo e indirecto, e que dotará de valor engadido ás empresas. Ao seu xuízo, isto lles permitirá captar técnicos especializados para a súa contratación, así como bolseiros que desenvolvan esta actividade na empresa galega e nas institucións multilaterais de desenvolvemento. Asemade, aos pequenos empresarios permitiralles coñecer potenciais mercados.

Salientou que o proxecto permitirá coñecer o mercado laboral doutros países, coa posibilidade de cubrir a demanda de persoal cualificado que teñen as empresas galegas e estas adoptarán o saber facer doutras empresas punteiras no sector.

Segundo Varela, outro dos beneficios é que a Xunta de Galicia contará coa posibilidade de adoptar estratexias, a medio e longo prazo, para situar a Comunidade galega nunha posición de privilexio nos procesos de internacionalización empresarial. A súa viabilidade será posible a través de contactos periódicos coas rotacións diplomáticas dos países, nos que as empresas galegas teñen interese, cos representantes das Institucións Financeiras Multilaterais de Desenvolvemento (IFMD). Outra das ferramentas para situar a Galicia nunha posición estratéxica será promover programas de capacitación, nos que participen descendentes de galegos e participar en proxectos financiados polas IFMD.

Recursos tecnolóxicos

Así pois, a Confederación de Empresarios de Galicia encargarase da creación dun portal web de información e asesoramento técnico en materia de licitacións internacionais dirixido ás empresas galegas. Segundo apuntou o conselleiro, neste espazo ofrecerase información sobre servizos de hospedaxe na rede, de creación de portais web empresariais, así un espazo acerca das oportunidades proxecto-país, onde se informe dos proxectos aprobados polas entidades multilaterais.

Tamén se ofrecerá información acerca das oportunidades de licitacións internacionais e unha base de datos de empresas galegas, para dar a coñecer a oferta empresarial de Galicia ao exterior. Ademais, habilitarase un sistema de alertas dirixido ás empresas, para informalas puntualmente sobre as oportunidades de licitación.

O departamento que dirixe Ricardo Varela aposta por este tipo de iniciativas empresariais, xa que as considera eficaces para a xeración de emprego estable e de calidade. Ademais, dentro das actividades de fomento do emprego cómpre subliñar a importancia e necesidade do fomento de novas oportunidades de creación de iniciativas empresariais, como recurso para a xeración de emprego estable e de calidade.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, 2007-11-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES