Notas de prensa

A Xunta aposta polo respeto ao medio ambiente co Plan Galego de Acuicultura

O Plan obrigará a que as plantas de acuicultura que se poñan en marcha cumpran con todos os criterios medio ambientais necesarios. Este proxecto do Goberno galego, está pilotado polas consellerías de Pesca e Asuntos Marítimos, Medio Ambiente e Política Territorial.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aposta polo coidado e respecto ao medio ambiente co novo Plan Galego de Acuicultura. Trátase dun proxecto do Goberno galego que busca o desenvolvemento dunha actividade acuícola sostible e coidadosa co medio e que obrigará a que a totalidade das plantas de acuicultura que se poñan en marcha cumpran con todos os criterios medio ambientais necesarios.

Este proxecto está pilotado polas consellerías de Pesca e Asuntos Marítimos, Medio Ambiente e Política Territorial, departamentos que traballaron conxuntamente na revisión do Plan do anterior Goberno da Xunta. Así mesmo, para a súa elaboración, tamén se solicitaron informes a Medio Rural, Innovación e Industria e Cultura.

O Plan Galego de Acuicultura saíu a exposición pública o pasado día 30 de xuño de 2007, por un período de dous meses, de acordo cos trámites administrativos e respondendo á normativa vixente en materia de sustentabilidade. Durante este tempo, tanto colectivos veciñais, como organizacións ecoloxistas, organismos oficiais ou calquera particular puideron presentar as alegacións que consideraron oportunas. Actualmente, o documento atópase na fase de estudo e resolución das alegacións presentadas.

Cumprimento dun compromiso

Co Plan Galego de Acuicultura, o Goberno galego deu cumprimento ao compromiso adquirido de revisar o Plan de Parques de Tecnoloxía Alimentaria aprobado “in extremis” polo Goberno do PP, co fin de dispor dun texto alternativo no primeiro semestre de 2007, no que se determinaran ubicacións nas que se puidesen desenvolver actividades acuícolas respectuosas e en harmonía co medio ambiente. Neste proceso de revisión, foi necesario un replantexamento de todas aquelas ubicacións que se proxectaban en Rede Natura e outros hábitats protexidos, ofrecéndolles aos empresarios alternativas para que puidesen levar adiante os seus proxectos na nosa comunidade con todas as garantías. Do mesmo xeito, buscouse dar seguridade xurídica aos empresarios de cara ás inversións que fagan en Galicia no eido da acuicultura. Neste senso, o documento que aprobara o PP no seu último Consello da Xunta non satisfacía a este colectivo, tal e como lle fora trasladado á titular de Pesca nas diversas xuntanzas que mantivo con representantes do sector para a posta en marcha do novo Plan.

O novo Plan recolle todos os emprazamentos que poden dedicarse á cría de peixes na Comunidade Galega, destacando o feito de que ningunha das novas instalacións se atopan en espazos de Rede Natura ou noutros hábitats protexidos por figuras ambientais. Respecto da protección do medio ambiente, é de destacar que o Plan do PP contemplaba a afección á Rede Natura do 27 por cento da superficie reservada aos parques, mentres que no Plan Galego de Acuicultura esta porcentaxe redúcese ata o 1,8 por cento que, ademais, corresponde ás ampliacións de empresas xa existentes ubicadas en Rede Natura. Demóstrase así que é posible desenvolver a acuicultura respectando o entorno natural e paisaxístico de Galicia.

Previsións do novo Plan

O resultado final do Plan Galego de Acuicultura foi un documento no que se contempla unha superficie total de 3.175.150 metros cadrados, dos cales 1.093.300 metros cadrados son ampliación respecto do Plan anterior. Ademais, a inversión estimada do novo Plan, cando estea a pleno rendemento, é de 390.770.230 euros, á vez que se prevé a creación de 2.022 novos empregos, calculando unha ratio de 1 emprego por cada 11 toneladas de peixes producidos.

Por outra banda, o novo Plan contempla unha previsión de crecemento da produción ata chegar ás 25.000 toneladas de peixes, o que supón manter a Galicia como líder mundial neste eido.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2007-11-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES