
A directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información da Consellaría de Innovación e Industria, Helena Veiguela, avogou pola cooperación e o comercio mutuo entre Galiza e Portugal como oportunidade para ambos os dous países e como necesidade para o progreso definitivo da área territorial que compartimos. Helena Veiguela interveu no acto inaugural do IV Encontro Galiza-Portugal, que se desenvolve en Lisboa baixo a organización das cámaras de comercio de Vigo e da Coruña, no marco do Plan FOEXGA para o fomento das exportacións.
A directora xeral de Promoción Industrial apostou por conformar unha base mais ampla para que as empresas galegas e portuguesas teñan acceso aos produtos, recursos e servizos dos que non dispoñen no seu contorno máis inmediato, a través da proximidade xeográfica, persoal e cultural, co obxectivo de que a relación provedor-cliente se enriqueza para mutuo beneficio, mellorando a capacidade duns e doutros.
A historia económica de Galiza e Portugal, segundo expuxo Helena Veiguela, seguiu unha traxectoria similar, experimentando os dous países un forte proceso de integración que, para a directora xeral, está permitindo crear lazos cada vez máis estreitos e fortes. Tanto Galiza coma Portugal teñen un tecido empresarial caracterizado pola pequena empresa, o que, nun contexto de produción mundial estruturado a través de grandes multinacionais, eleva a necesidade de colaboración para acadar maiores niveis de competitividade.
A directora xeral de Promoción Industrial achegou ademais información sobre as relacións comerciais entre ambos os países. Así, dende 2005 as exportacións galegas a Portugal rexistraron un incremento acumulado do 56%, mentres que aínda foi superior o aumento das exportacións portuguesas a Galiza, cun aumento de case o 150%. Hoxe en día Portugal vende máis a Galiza, salientou Helena Veiguela, que a países como Italia, Estados Unidos ou Bélxica.
Máis de 250 empresas de Galiza, Portugal, Cabo Verde, Madeira e Azores participan neste IV Encontro Galiza-Portugal, no que están axendadas case 400 reunións de negocios. Unhas 40 empresas galegas e 90 portuguesas participan na rolda de negocios do Encontro, ás que a directora xeral agradeceu a súa asistencia. No acto inaugural tamén estiveron presentes o embaixador español en Lisboa e o embaixador de Cabo Verde.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.