Notas de prensa

II Xornadas sobre sustentabilidade no sector pesqueiro galego: retos da miticultura

Intervención do director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca da Xunta de Galicia:

En primeiro lugar, no capítulo de saúdos, quero agradecer a oportunidade que se me brinda ao poder compartir, con este grupo de profesionais, uns momentos no comezo desta xornada na que se vai debater sobre un sector estratéxico do sector acuícola galego: a miticultura.

Dende que no ano 1945 se fondeou na ría de Arousa a primeira batea de cultivo, moito se ten camiñado nestes escasos sesenta anos, nos que os produtores galegos acadaron unha posición de liderado mundial. Galicia é hoxe en día a segunda produtora mundial de mexillón, por detrás de China, e a primeira de Europa, por diante de Holanda, Dinamarca, Francia e tamén Italia.

Nese tempo desenvolveuse un sistema de produción peculiar: as bateas. Acadouse un produto que se adapta á perfección ás esixencias de calidade, sabor, alimentación saudable e nutritiva que demandan os consumidores actuais e, recentemente logrouse unha calidade que diferencia ao mexillón orixinario de Galicia de calquera outra procedencia: a DOP Mexillón de Galicia.

A última evolución do mercado alimentario dirixiuse cara a un incremento da importancia da calidade e da sanidade alimentaria, e por ende da necesidade da súa adaptación neste senso, e á súa mellora na formación e información dos axentes implicados. O sector do mexillón non é alleo a estes cambios.

Para iso contamos cun sector dinámico. Homes e mulleres coa enerxía suficiente para consolidar, en moi pouco tempo, unha actividade económica multiplicadora de recursos e xeradora de emprego nas rías galegas. Pero aínda queda moito por facer. Hai que seguir avanzando cara á consolidación das estruturas produtivas, a mellora da xestión da produción e especialmente, dos canais de comercialización.

Por iso, é necesario que todos os sectores, dende o produtor ata o comercializador, se impliquen para conquerir que as condicións de comercialización dos produtos sexan óptimas. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos é consciente diso e por este motivo vén de encargar a elaboración dun Diagnóstico Estratéxico do Sector Mexilloeiro de Galicia, entendendo por tal o documento que sintetice a situación actual do sector que sirva á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e ao propio sector de soporte para o deseño do Plan Director do Mexillón, en cuxa elaboración será suxeito activo o propio sector bateeiro.

Finalmente non me queda más que desexarlles que a súa participación nestas Xornadas sirva para contribuír a mellorar e elevar a calidade do servizo prestado, potenciando un produto tan noso e posibilitando que a calidade pase de desexo a obxectivo conseguido.

Moitas gracias.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2007-10-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES