
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, finalizou a súa viaxe oficial a Xapón con sendas visitas á lonxa de Nagasaki e ao Instituto de Recursos Pesqueiros da Prefectura desta cidade. Deste xeito, conclúe este desprazamento ao país asiático, no que a Conselleira participou no X Foro España-Xapón e onde recolleu o testigo deste encontro que se celebrará o vindeiro ano en Santiago de Compostela.
Carmen Gallego visitou o mercado da pesca de Nagasaki (a lonxa) acompañada polo director do centro do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en Tokio, Pedro Gallego, e a subdirectora do mesmo centro, Nashué Arai. A visita foi guiada polo xerente da empresa que xestiona esta lonxa, a segundo máis importante do país nipón en valor da produción e a oitava en volume de produto descargado. Durante a visita, tiveron a oportunidade de asistir ás diferentes poxas que, a diferencia das rulas da nosa comunidade, se realizan á alza.
Así mesmo, chamou a atención da delegación galega que as especies máis presentes e á vez máis valoradas polos compradores son aquelas que se empregan para o seu consumo en cru (por exemplo para o Sushi ou o Sashimi). Ademais, aínda que se trata dun mercado moi tradicional, dende estas instalacións distribúense peixes frescos a todo Xapón.
Por outra banda, Carmen Gallego e os seus acompañantes coñeceron tamén no día de hoxe o Instituto de Recursos Mariños da Prefectura de Nagasaki. Este centro traballa, sobre todo, no eido da investigación vencellada á repoboación, as novas técnicas de procesado aplicadas ao sector e á acuicultura.
Nesta visita, a titular de Pesca foi recibida polo director do Instituto, Shuji Ikeda, e polos responsables dos diferentes departamentos de investigación que conforman o centro. Tras coñecer o traballo destes investigadores, Carmen Gallego manifestou o interese do seu departamento polos estudos que están desenvolvendo sobre repoboación mariña, eido no que os investigadores xaponeses están a traballar con moitas especies e acadando resultados moi parecidos aos que Galicia está a conseguir coas accións de repoboación realizadas no seu litoral. Ademais, visitou os laboratorios de análise de biotoxinas, así como a planta piloto de novas técnicas de procesado dos produtos do mar e o criadeiro de alevíns.
A Conselleira finalizou o percorrido polas instalacións agradecendo aos representantes do Instituto de Recursos Mariños da Prefectura de Nagasaki por tela recibido e convidándoos a unha posible colaboración futura para o intercambio de coñecementos nestas especialidades de investigación nas que, tanto Galicia como Xapón, teñen especial interese.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.