
O helicóptero Pesca 1 do Servizo de Gardacostas da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participou nun exercicio de adestramento de salvamento marítimo en augas próximas ás Illas Cíes, nas inmediacións do Parque Nacional das Illas Atlánticas. O devandito exercicio foi realizado de forma conxunta entre o Pesca 1 e o remolcador Ibaizabal Tres, da Sociedade Estatal de Salvamento Marítimo (Sasemar).
Esta actividade de salvamento foi seguida de preto por varios representantes de empresas operadoras de helicópteros de toda Europa, que están participando estes días nunha convención que se celebra en Vigo. Esta conferencia está organizada por Goodrich Corporation, unha entidade mercantil francesa que fabrica as grúas coas que conta o Pesca 1.
O exercicio realizado onte enmárcase na cooperación que de xeito habitual vén desenvolvendo o Servizo de Gardacostas con outras administracións, entre as que se atopan, ademais de Salvamento Marítimo, a Garda Civil, o Ministerio de Pesca ou a Consellería de Traballo. Neste eido, cabe sinalar que de forma periódica tamén se realizan actividades de adestramento de loita contra a contaminación co obxectivo de comprobar o bo funcionamento dos equipos, así como para especializar ao persoal no emprego dos medios para a loita contra a contaminación no mar.
Outras actuacións do Servizo de Gardacostas
Por outra banda, os axentes do Servizo de Gardacostas comisaron onte pola tarde, na localidade coruñesa de O Freixo, 240 quilos de berberecho localizados no interior dun camión sen ningún tipo de documentación. O marisco incautado foi sementado nos bancos marisqueiros da zona.
Esta intervención súmase á desenvolvida o martes desta semana, cando a actuación conxunta do Servizo de Gardacostas e a Policía Nacional posibilitou a incautación de 11 embarcacións empregadas no marisqueo furtivo na Ría do Burgo. As embarcacións, que non tiñan nin nome nin folio, xa foran detectadas nalgunha ocasión por efectivos de Gardacostas levando a cabo traballos de extracción de marisco na ría coruñesa sen contar coa preceptiva autorización.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.