Notas de prensa

Inaugurado o primeiro tramo gratuito da autovía AG-53

O tramo da AG-53 posto en marcha ten unha lonxitude de 18 kms e supuxo un investimento de 67 millóns de euros para a Xunta de Galicia.

Emilio Pérez Touriño, titular do Goberno galego, inaugurou no Carballiño, xunto á conselleira de Política Territorial, María José Caride, o treito Dozón-Enlace de Cea da autovía AG-53, que unirá Santiago con Ourense. Este tramo de 18 kms, no que se investiron 67 millóns de euros, estará libre de peaxe, tal e como subliñou o máximo mandatario autonómico, grazas á “vontade real” dun Goberno que se preocupa “polos problemas e as necesidades dos cidadáns”. A posta en marcha deste novo treito permite, segundo subliñou, “cumprir coa palabra dada” e “levantar unha hipoteca, unha discriminación e unha barreira” que pesaba sobre o interior de Galicia.

O presidente da Xunta destacou, ademais, no acto de inauguración, que este tramo vai incidir favorablemente na xeración “dun novo polo de oportunidades para unha zona historicamente lastrada nas súas perspectivas de desenvolvemento”. Pérez Touriño aproveitou a súa intervención para realizar un balance da acción do seu Goberno en materia de infraestruturas. Tal e como indicou, na actualidade Galicia conta con máis de 550 kms de vías de alta capacidade en execución, o que supón un investimento global de 2.300 millóns de euros.

Entre estas infraestruturas, o máximo mandatario autonómico referiuse ás obras que se están a acometer na autovía do Barbanza, na autovía do Salnés, á nova vía que vertebrará a Costa da Morte, ao enlace Santiago-Brión-Noia, a autoestrada Pontevedra-Vilagarcía ou á vía Sarria-Lugo-Monforte, como exemplos máis sobranceiros da acción do Goberno galego nesta materia. Precisamente, segundo o presidente da Xunta, a autovía AG-53 que vai completar a conexión entre Ourense e Santiago representa unha actuación clave no mapa das infraestruturas que se están a desenvolver en Galicia non só porque conecta dúas das nosas máis importantes cidades senón porque constitúe o mellor exemplo de como unha infraestrutura pode contribuír á vertebración do país, ao reequilibrio territorial.

Tramo libre de peaxe

O máximo mandatario autonómico englobou todas as infraestruturas que se van deseñar en Galicia nun esforzo de planificación enmarcado no Plan de Infraestruturas de Transporte de Galicia, documento que se presentará antes de que remate o ano.

Neste sentido, o presidente da Xunta destacou a vontade do Goberno que preside de achegar aos cidadáns infraestruturas “socializadoras”, ás que se destine o esforzo orzamentario de todos os galegos. Trátase, en verbas do presidente da Xunta, de canalizar un “esforzo solidario para avanzar conxuntamente como país e de financiar obras socializando custos e servizos”. Neste sentido, o titular do Goberno galego avanzou que esta estratexia se verá acentuada nos Orzamentos da comunidade autónoma para 2008 que serán aprobados polo Consello da Xunta o vindeiro xoves.

Beneficios para o interior de Galicia

No decurso da súa intervención, o xefe do Goberno galego destacou que “Ourense dá un paso de xigante e tamén o resto de Galicia de cara á consecución dunha rede de transporte que configure un mapa policéntrico”. Paralelamente, significou que a Cidade das Burgas está chama da a desempeñar un papel clave no futuro nó de infraestruturas de Galicia xa que será a porta de entrada do AVE na comunidade autónoma o que constitúe un “magnífico espazo de oportunidade”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2007-10-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros-biblioteca.jpg) Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Foto de la tercera plana (libros.jpg) O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.

Notas

Un espazo de encontro entre academia, arte e sociedade. Arrancou no edificio Redeiras da UVigo o congreso internacional 'Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario', unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa e, máis concretamente, da obra de Raymond Roussel, toda unha referencia nas chamadas literaturas potenciais.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolleu a inauguración da exposición 'A Miraxe Dixital'. A mostra é o resultado do traballo e da convivencia da artista británica Louise Ward Morris en colaboración co persoal investigador do centro, tras seis meses de traballo pola residencia artística concedida a través do Ministerio de Cultura.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES