
USC e a empresa tecnolóxica Plexus Tech camiñan da man na creación de CAME&IA, liderada polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) para situar Galicia e España á vangarda da aplicación da Intelixencia Artificial no ámbito sanitario, destacou no acto o reitor da USC.
Antonio López Díaz puxo en valor a colaboración público-privada, así como a conexión que no seo da Universidade se tece entre a investigación científica, moi especialmente a que se está a facer no ámbito da Intelixencia Artificial, sumándolle as potencialidades da investigación biosanitaria. A aplicación da IA ao eido da medicina permítenos xestionar unha inmensidade de datos sobre cada persoa para afinar os diagnósticos, os tratamentos e mellorar, en definitiva, a calidade de vida das persoas, algo que sería inimaxinable a través das vías tradicionais. Ese manexo de datos só é posible aplicando ferramentas de Intelixencia Artificial, destacou o reitor.
A cátedra, financiada con 1,2 millóns de euros, conta co respaldo do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, cunha achega próxima aos 900.000 euros. Está creada no contexto da candidatura da USC ás axudas para a creación das Cátedras ENIA, convocadas pola Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, no marco da Axenda España Dixital 2025, e do Compoñente 16 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Tal e como destacou durante a sesión, a secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, María González Veracruz, esta cátedra reflicte o papel fundamental que desempeña a investigación para construír un país mellor, que abrace a tecnoloxía cunha mirada humanista, centrada nas persoas e na defensa dos seus dereitos. Ademais, defendeu o compromiso firme do Goberno de España coa universidade pública, a investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico "como piares dun país máis xusto, innovador e preparado para liderar o futuro dixital".
"A cátedra naceu coa convicción de que só desde unha perspectiva integradora e multidisciplinar se pode construír unha contorna de investigación que transforme o coñecemento en melloras tanxibles para a práctica clínica", afirmou Senén Barro, director científico do CiTIUS e responsable da cátedra. "Entendemos a tecnoloxía como unha gran ferramenta para mellorar o mundo, e a medicina é un campo onde os avances tecnolóxicos teñen un impacto directo na calidade de vida das persoas", subliñou, pola súa parte, José Manuel Viña Bravo, director xeral de Plexus Tech. O acto contou ademais co relatorio do catedrático da USC, Ángel Carracedo.
Tempo récord
A aplicación da IA á medicina personalizada xa é unha realidade. A capacidade de analizar grandes volumes de datos en tempo récord permite diagnósticos máis rápidos e precisos, favorece a medicina preditiva e optimiza os tratamentos para cada paciente. Así, entre as liñas de investigación de CAME&IA destacan a aprendizaxe automática e modelos preditivos para a personalización de tratamentos, o procesamento de imaxes médicas e análises de sinais biomédicos, ou a integración de datos multimodais para mellorar diagnósticos e tratamentos.
O proxecto conta cun comité de garantes formado por referentes en investigación biosanitaria e tecnoloxía procedentes non só do CiTIUS centro singular da USC que as persoas participantes na presentación visitaron ao finalizar o acto, senón tamén do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAGA), Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Ademais, colaborará co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e con diversos axentes públicos e privados do sector da saúde.
Alén da súa actividade investigadora, a cátedra desenvolverá unha ampla programación formativa, con especial énfase nos aspectos éticos e legais do uso da IA en medicina. A transferencia de coñecemento á sociedade e a colaboración con centros estatais e internacionais serán aspectos clave na súa folla de ruta. Esta cátedra universidade-empresa representa unha aposta a longo prazo para a integración do coñecemento dos profesionais das TIC, a investigación en saúde e a medicina asistencial.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.