Notas de prensa

Pesca e USC colaboran en estudos no sector produtivo, transformador e de depuración de moluscos bivalvos

O departamento que dirixe Carmen Gallego destina 195.000 euros para o desenvolvemento desta actuación. A Consellería e a Universidade compostelá asinarán un convenio de cooperación que dá continuidade a outro subscrito en decembro do ano pasado.

O Consello da Xunta autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para o asesoramento técnico en materia de investigación mariña e a realización de estudos de interese para o sector da produción, depuración e transformación de moluscos bivalvos.

Pesca achegará un total de 195.000 euros para esta cooperación, con cargo aos Orzamentos Xerais de Galicia de 2007 e 2008. De feito, no presente exercicio destinaranse 100.000 euros a esta actuación, mentres que o vindeiro ano serán 95.000 euros. O protocolo estará vixente ata o 31 de decembro de 2008, se ben poderá ser prorrogado ou renovado, logo do acordo das partes, en función das necesidades, dos resultados obtidos e do crédito orzamentario. Cómpre sinalar que para velar polo bo desenvolvemento do convenio, créase unha comisión mixta paritaria, integrada por representantes da Consellería e da universidade compostelá.

Coa subscrición deste acordo de colaboración dáse continuidade a un intercambio de experiencias iniciado o ano pasado, xa que en decembro de 2006 a USC e Pesca asinaron un protocolo para comprobar a viabilidade dunha serie de estudos relativos á produción, transformación e depuración de moluscos bivalvos. Como continuación destas investigacións, a Consellería considera de grande importancia afondar nos coñecementos acadados, comprometéndose a Universidade a realizar os estudos recollidos no devandito convenio achegando os medios necesarios e a proporcionar á Consellería toda a información solicitada, á vez que realizará o asesoramento técnico en materia de investigación mariña para o que fora requirido por Pesca.

Así, ao abeiro do novo acordo realizaranse os seguintes estudos: “Avaliación de novas técnicas de depuración de moluscos bivalvos”; “Efectos das actividades antrópicas na actividade de depuración de moluscos bivalvos vivos”; e “Técnicas analíticas, dinámica de contaminación e solucións tecnolóxicas para o control de Listeria monocytogenes nas plantas de procesado de moluscos”. Ademais desenvolverase unha actividade sobre “Caracterización morfolóxica e
bioquímica de Salmonella senftenberg. Estudo comparado das cepas ambientais e clínicas. Busca de solucións tecnolóxicas para a eliminación de posibles contaminacións”.

Obxectivos dos estudos

O estudo sobre “Avaliación de novas técnicas de depuración de molusco bivalvos” proponse comparar as diferentes opcións de depuración da especie sinalada existentes nas empresas galegas, considerando os tres sistemas de eliminación de carga bacteriana da auga (cloro, ultravioleta combinado con ozono e sistema mecánico de skimmer) e tendo en conta os dous compoñentes estruturais básicos, piscinas e depósitos de plástico. Ademais, preténdese analizar a influencia dalgúns factores tales como a situación espacial do molusco, a especie, os parámetros fisico-químicos da auga e a posible influencia dos procesos de recontaminación.

A actuación “Efectos das actividades antrópicas na actividade de depuración de moluscos bivalvos vivos” quere valorar a influencia das diferentes actuacións humanas próximas aos centros de depuración. Por esta razón teranse en conta cuestións como o tratamento de augas residuais procedentes de redes urbanas, industrias potencialmente conflitivas polo tipo de efluentes emitidos ao medio e actividades gandeiras e agrícolas, entre outras. A análise comparativa entre a toma de mostras do medio natural onde os centros de depuración collen a súa auga e a toma de mostras de auga do mar tratada nos propios centros, permitirá detectar os posibles efectos globais e puntuais que as diferentes actividades humanas poden ter na seguridade alimentaria dos bivalvos comercializados.

Por outra banda, a actividade sobre “Técnicas analíticas, dinámica de contaminación e solucións tecnolóxicas para o control de Listeria monocytogenes nas plantas de procesado de moluscos” tratará de desenvolver medidas eficaces para o control da contaminación por Listeria nas fábricas de procesado de mexillón. Finalmente, o estudo “Caracterización morfolóxica e bioquímica de Salmonella senftenberg. Estudo comparado das cepas ambientais e clínicas. Busca de solucións tecnolóxicas para a eliminación de posibles contaminacións” continuará coas investigacións realizadas nos anos 2004 e 2005 vencelladas á relación da Salmonella senftenberg co medio mariño en Galicia. Cabe sinalar que este microorganismo foi detectado no ano 1997 durante a realización de controis rutinarios nas plantas de procesado de mexillón.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2007-10-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES