Notas de prensa

Pesca investirá máis de 320.000 euros nun novo depósito de auga salgada para a lonxa pesqueira de Marín

Para levar a cabo esta actuación a Consellería e a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra asinarán un acordo de colaboración.

O Goberno galego aprobou a sinatura dun acordo de colaboración entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra para a construción dun novo depósito de auga salgada no porto de Marín para o uso da lonxa pesqueira desta localidade. Con esta actuació preténdese substituír o depósito actual, que se atopa totalmente obsoleto, e que os usuarios da lonxa empregan para a limpeza e preparación do produto pesqueiro, tanto para a primeira venda como para a súa posterior expedición. Para esta acción o departamento de Pesca aportará un total de 323.266,70 euros.

O acordo, que se asinará entre ambas as dúas administracións, ten por obxecto regular as bases de cooperación técnica e económica entre a Consellería e a Autoridade Portuaria para acometer as obras de construción destas instalacións nunha parcela de terreo de titularidade estatal e que se atopa na zona de servizo do citado porto. A vixencia deste convenio de colaboración estenderase ata o 30 de novembro de 2008, data na que deberán estar finalizadas e entregadas as obras.

Deste xeito, no marco do convenio a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra comprometerase a poñer a disposición da Consellería de Pesca os terreos necesarios para a execución das obras e de cedelos libres de cargas e gravames, cos usos urbanísticos, permisos e autorizacións necesarias para a súa execución. Ademais, realizará todas as xestións pertinentes ante os organismos que correspondan para a obtención dos devanditos permisos, licenzas e autorizacións regulamentarias, así como os gastos que estas orixinen. Así mesmo, a Autoridade Portuaria, unha vez finalizadas as obras e entregadas pola Consellería de Pesca, asumirá a súa explotación, mantemento e conservación.

Pola súa banda, Pesca será a encargada de financiar a execución das obras cun total de 323.266,70 euros a repartir en dúas anualidades: 74.014,01 no ano 2007 e 249.252,69 euros en 2008. A Unión Europea tamén participará no financiamento deste proxecto a través do Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca (IFOP). Pesca será o departamento responsable de levar a cabo as actuacións de contratación ou execución por administración, dirección, xestión e recepción das obras descritas no proxecto.

Ao longo dos últimos anos a Consellería de Pesca, con cargo aos fondos comunitarios destinados á pesca e asignados a Galicia, vén facendo investimentos en infraestruturas e equipamentos nos portos pesqueiros co fin de mellorar os servizos portuarios destinados ao sector. Estas actuacións véñense realizando especialmente nos portos de competencia autonómica, pero sen esquecer aos de competencia estatal situados en Galicia.

En concreto, o porto pesqueiro de Marín, onde se realizará esta obra, de competencia estatal e xestionado polo ente público Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, conta cunha lonxa pesqueira cunha importante actividade. Nela, o pasado ano 2006, subhastáronse máis de 4.000 toneladas de pesca fresca, con especies de grande calidade, e que acadaron un valor en primeira venda de 8,8 millóns de euros. Dada esta importancia, tanto a Consellería de Pesca como a Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra amosáronse moi interesadas en realizar melloras na lonxa, así como nas súas instalacións complementarias.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2007-10-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES