
O Sindicato Labrego Galego desminte a noticia de que o certificado veterinario ficase eliminado pola Orde PRE 2893/2007. Pola contra, o que fixo o Goberno de Zapatero con esta Orde foi substituír o certificado veterinario por unha declaración que, aparte da complicación que supón cubrir semellante ladrillo, obriga a produtores e produtoras a revisar aos animais e a declarar sobre enfermidades que poidan afectar á inocuidade da carne, coma se a obriga d@s profesionais da gandería fose facer diagnósticos de saúde animal a simple vista.
Para o SLG, os gandeiros e as gandeiras non poden asumir controis sanitarios que son competencia exclusiva da Administración, que é quen ten que garantir a salubridade da carne. Ademais, a maioría das declaracións que se esixen non son de obrigado cumprimento, segundo a normativa europea vixente ata o ano 2009 para os
sectores de vacún, ovino e caprino. Polo tanto, o Goberno do Estado segue pecando de interpretar a normativa europea con visión reducionista.
A demanda unánime do sector era a eliminación do certificado veterinario sen máis. Pola contra, o que fixo o Goberno de Zapatero foi impoñer de maneira unilateral ao sector cárnico a obriga de ter que recompilar toda a información de toda a cadea
alimentaria.
Ademais, a declaración de agora pode saírlle máis cara á explotación có anterior certificado veterinario se o matadoiro devolve a res por non ser apta. Antes, o certificado veterinario supuña un gasto medio de 24 euros, pero o animal sacrificábase
seguro ao existir este aval; agora, en caso de enviar un animal non apto para o sacrificio, o matadoiro devolverao, tendo o gandeiro ou a gandeira que apandar cos gastos de transporte.
Vista así a tan cacarexada supresión do certificado veterinario, ao final vai supor unha nova carga burocrática para as explotacións, e en ocasións maiores gastos, sen que se lles dea a consumidores e consumidoras ningunha nova garantía sobre os
alimentos que mercan.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.