
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, participou, xunto co sector pesqueiro galego nunha xuntanza para analizar o seguro do mal tempo. No encontro celebrado en Santiago, Carmen Gallego animou aos profesionais do mar a subscribir esta póliza coa que os mariñeiros e mariscadores galegos poderán recibir indemnizacións en caso de paralización e perda da produción por mor de condicións climatolóxicas adversas.
Nesta xuntanza, ademais da titular de Pesca e dos representantes do sector, participaron o secretario xeral da Consellería, Miguel López Sieiro, así como representantes da aseguradora Mapfre e da correduría de seguros Artai.
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicou a finais do pasado mes de setembro no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan as axudas para a subscrición dun seguro de indemnización diaria en caso de paralización e perda de produción por mor de condicións climatolóxicas adversas no sector pesqueiro e marisqueiro galego. Deste xeito, os interesados en adherirse ao seguro de mal tempo xa poden presentar as súas solicitudes, sendo a data límite de entrega de documentación o 21 de outubro.
A estas subvencións accederán os tomadores da póliza que poderán ser confrarías, cooperativas do mar, organizacións de produción pesqueira (OPP) ou calquera outra entidade asociativa do sector con sede en Galicia, en nome dos seus membros que pesquen en augas do litoral galego ou lindantes con Portugal e o Cantábrico. A Consellería de Pesca sufragará o 70% da achega que deberá facer o asegurado para o pagamento da prima anual e a este fin destinará unha partida de case 1,4 millóns de euros para subvencionar as primas subscritas entre outubro deste ano e o mesmo mes de 2008.
Os beneficiarios desta iniciativa poderán ser arrastreiros de litoral e embarcacións de cerco de litoral que traballan en caladoiros nacionais, barcos de artes menores e percebeiros a pé ou a flote e terán que formalizar, antes do 1 de novembro de 2007, o seguro coa entidade que escolla entre as elixidas por Pesca para ofertar este servicio. Para acceder a estas subvencións tamén terán que acreditar que están ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública galega.
A creación dun seguro de mal tempo xurde do feito de que a actividade pesqueira e marisqueira está sometida a que se dean unhas condicións climatolóxicas que permitan aos profesionais desenvolver a súa actividade sen que supoña un risco para eles.
A situación xeográfica de Galicia determina que a nosa comunidade teña un litoral sometido a condicións meteorolóxicas que obrigan a amarrar a frota, sen posibilidade de que os barcos poidan saír a pescar durante varios días. Esta situación implica unha falta de ingresos nas economías dos profesionais que viven da explotación dos recursos pesqueiros e marisqueiros. É por isto que, ao pouco de chegar á Consellería, a nova titular de Pesca, Carmen Gallego, anunciou a creación dun seguro de mal tempo.
Para a posta en marcha desta iniciativa foi necesario realizar un estudo diferenciado por zonas xeográficas. Como resultado desa actuación convocouse a selección da entidade aseguradora que oferte un seguro de mal tempo aos profesionais, como unha medida de carácter social coa que se quere incidir na seguridade marítima e na introdución da cultura do seguro no ámbito da pesca en Galicia.
A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.