Despois do visto e prace do Consello da Xunta de Galicia, a Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e o presidente da Fundación para la Investigación y Desarrollo de la Acuicultura (FIDAES) do Estado de Sucre (Venezuela), César Graziani, asinaron en San Caetano un protocolo de colaboración para a transferencia de tecnoloxía no ámbito pesqueiro e acuícola. O obxectivo principal deste convenio é a elaboración dun plan que permita implantar programas e proxectos de colaboración para o intercambio, capacitación, inversión e transferencia de tecnoloxía no ámbito pesqueiro e acuícola, así como no uso racional dos recursos mariños e o desenvolvemento das industrias auxiliares relacionadas coa pesca.
No acto de sinatura, celebrado en Santiago de Compostela, tamén
estiveron presentes por parte galega a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, Fátima Linares Cuerpo; o director do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), Alejandro Guerra, así como o asesor de cooperación internacional da Consellería de Pesca, Juan Antonio Pintos. Por parte do estado venezolano, asistiron ademais a rectora da Universidade de Oriente (UDO), Milena Bravo; o secretario rectoral da UDO, Juan Bolaños; o coordinador do Grupo de Biología de Moluscos (GBM) da Universidade de Oriente e asesor de FIDAES, César Lodeiros, e o investigador da UDO e integrante do Grupo de Biología de Moluscos, Antulio Prieto.
A subscrición deste protocolo permitirá consolidar e fortalecer as relacións entre o departamento que dirixe Carmen Gallego e Venezuela. De feito, investigadores vencellados a Pesca veñen mantendo un intercambio de experiencias pesqueiras e acuícolas con institucións do mesmo ámbito relacionadas co Estado de Sucre e, en diferentes encontros celebrados en 2006 e 2007, xurdiu a necesidade de fortalecer a colaboración entre eles.
O protocolo que rubricaron a Administración galega e a
venezolana, a través da FIDAES, terá unha vixencia de seis meses, a contar dende o día seguinte da súa sinatura, se ben se entenderá prorrogado automaticamente por períodos de igual duración salvo indicación contraria dalgunha das partes. Ademais, coa finalidade de verificar o correcto desenvolvemento do convenio e definir novas accións designarase unha comisión de seguimento integrada por dous representantes de cada unha das institucións.
A cooperación entre as dúas administracións estará fundamentada na solidariedade, a cooperación, a complementariedade, a reciprocidade e a sustentabilidade. Así mesmo, comprométense a facilitarse mutuamente os medios humanos e materiais necesarios para a consecución dos obxectivos que se pretenden acadar coa formalización do devandito protocolo. Neste eido, cabe sinalar que para a cooperación práctica de proxectos e actividades formalizaranse convenios específicos de colaboración nos que a comisión de seguimento determinará o seu obxecto, programa de traballo, orzamento e medios requiridos, así como calquera outro aspecto que se considere relevante.
A sinatura deste protocolo derívase de que tanto a Administración pesqueira galega como o Estado de Sucre consideran transcendental explorar as posibilidades para constituír alianzas estratéxicas co obxectivo de incentivar proxectos comúns para a pesca e a acuicultura, así como a transferencia de coñecementos e experiencia dentro do marco da cooperación bilateral.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.