O Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar), dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, participa cun stand na primeira edición do Congreso Internacional de Prevención e Seguridade na Pesca de Baixura, que organizan as consellerías de Traballo e Pesca da Xunta de Galicia.
Deste xeito, o Cetmar presenta no seu expositor diverso material formativo relacionado coa prevención de riscos laborais abordo de barcos de baixura elaborados no marco do proxecto Embárcate, unha iniciativa encadrada dentro do EQUAL II e financiada polo Fondo Social Europeo. O principal obxectivo de Embárcate é facilitar o acceso ao emprego no sector pesqueiro para o que a formación representa a ferramenta máis útil.
Ademais, no posto de información do Centro Tecnolóxico do Mar proxectarase un avance dun xogo sobre prevención de riscos laborais na baixura, unha ferramenta didáctica que pretende reforzar o coñecemento da tripulación nesta materia como complemento dos cursiños habituais.
Por outra banda, o centro dependente de Pesca ofrece información sobre o protocolo a seguir na realización de prácticas de formación a bordo de pesqueiros, unha actuación elaborada e probada con éxito durante o desenvolvemento do proxecto Embárcate. Así mesmo, os asistentes poderán informarse sobre os restantes produtos que se están elaborando ao amparo desta iniciativa.
Cabe sinalar que aquelas persoas interesadas nos materiais expostos polo Cetmar no Congreso Internacional de Prevención e Seguridade na Pesca de Baixura poden solicitalos no propio stand e reciben os exemplares en canto estean dispoñibles.
O devandito Congreso celébrase os días 8 e 9 de outubro no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia (Santiago de Compostela) e está organizado polas consellerías de Traballo e Pesca, xunto coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
O evento centrarase no estudo da situación na que se atopa a seguridade e prevención laboral do sector pesqueiro no Arco Atlántico: Francia Atlántica, País Vasco, Cantabria, Asturias, Galicia, Portugal continental, Azores, Madeira, Andalucía Atlántica e Canarias.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.