
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, inaugurou o I Seminario Internacional de Turismo Rural que se desenvolve entre os días 3 e 5 de outubro no Pazo de Congresos e Exposicións de Galiza, en Santiago de Compostela. Nesta xuntanza están inscritas arredor de 400 persoas de distintas nacionalidades que, baixo o epígrafe Realidade e perspectivas nos espazos rurais, contará con relatores de varios países europeos e americanos.
No acto de inauguración, o titular de Innovación e Industria referiuse ao turismo rural como un segmento imprescindible na oferta turística galega, un modelo de turismo que, coa planificación correcta e a racionalización do emprego dos nosos recursos naturais e patrimoniais, contribúe á mellora económica e á creación de riqueza nas zonas con menores posibilidades de desenvolvemento.
Produto consolidado
Para Fernando Blanco, a importancia do turismo rural transcende os seus propios resultados económicos, converténdose nunha estratexia de revitalización dos territorios rurais, fomentando a fixación da poboación en áreas en perigo de despoboamento e poñendo en valor un senlleiro patrimonio arquitectónico.
Desde o punto de vista estritamente turístico, o conselleiro manifestou que o produto turismo rural de Galiza é un dos máis consolidados do noso panorama e conta con gran reputación entre os clientes habituais do mesmo. No seu relatorio, Blanco lembrou que a día de hoxe existen 541 establecementos, que ofrecen 6.440 prazas e engadiu que, canto a cantidade e calidade, a oferta galega destaca dentro do panorama do Estado.
Oferta complementaria
O conselleiro de Innovación e Industria referiuse tamén na súa intervención á necesidade de afondar na prestación de servizos complementarios e na diversificación da oferta , co obxecto de atender todos os segmentos da demanda e, deste xeito, conseguir o dobre obxectivo de optimizar o noso potencial turístico no eido rural e dinamizar en todo o posible a actividade no noso campo.
Neste sentido, Blanco recordou que por primeira vez a Consellaría implantou este ano axudas a empresas turísticas para fomentar o turismo no medio rural, centradas nas actividades complementarias, como sinalizacón de rutas, campamentos de verán, actividades hípicas ou deportes náuticos, fluviais ou de aventura. O importe total destas axudas para 2007 e 2008 aproxímase aos 5 millóns de euros, segundo informou o titular nacionalista.
Alén disto, Fernando Blanco explicou as accións que ten posto en marcha a Consellaría de Innovación e Industria a través da Dirección Xeral de Turismo e Turgalicia co obxecto de imprimirlle ao noso turismo rural un novo pulo, accións que abranguen tanto o ámbito normativo coma o da promoción. Así, o conselleiro salientou o anteproxecto de lei de turismo de Galiza que dará resposta á necesidade de establecer un marco normativo flexible e áxil que dote dun contorno competitivo ao sector e favoreza a actividade empresarial e a creación de emprego.
Polo que respecta á promoción, Fernando Blanco lembrou as accións que vén levando a cabo Turgalicia en colaboración co sector para abrir novas canles de comercialización e difusión dos valores do turismo rural, como o programa Outono gastronómico, que se desenvolverá nos meses de outubro e novembro co fin de potenciar a restauración e o aloxamento nos establecementos de turismo galegos.
Internacionalización
O I Seminario Internacional de Turismo Rural ten un dobre obxectivo: por un lado, a proxección do Turismo Rural galego cara ao exterior e, por outro, o achegamento á realidade das perspectivas do turismo nos espazos rurais do mundo.
Así, a participación de relatores procedentes de lugares tan distintos como Polonia, Colombia, Costa Rica, Brasil, Arxentina ou Uruguai, permitirá contrastar a experiencia galega do turismo rural cos modelos emerxentes ou máis ou menos consolidados deste subsector turístico en países moi heteroxéneos.
Ao longo de tres xornadas, os asistentes ao I Seminario Internacional de Turismo Rural poderán coñecer experiencias de desenvolvemento de actividades de agro-ecoturismo nas provincias do sur de Colombia e agricultura familiar en Uruguai, así como a organización de rutas de turismo rural na rexión de Curitiva (Brasil) ou a situación actual e as perspectivas de Costa Rica; xunto a experiencias de Polonia e outras nacións europeas.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.