Notas de prensa

Os interesados en pedir axudas para adherirse ao seguro de mal tempo xa poden presentar as solicitudes

A Consellería de Pesca subvencionará o 70 por cento do custo da póliza e beneficiaranse desta iniciativa arrastreiros de litoral e embarcacións de cerco de litoral que traballan en caladoiros nacionais, barcos de artes menores e percebeiros a pé ou a flote.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de publicar a orde pola que se convocan as axudas para a subscrición dun seguro de indemnización diaria en caso de paralización e perda de produción por mor de condicións climatolóxicas adversas no sector pesqueiro e marisqueiro galego. Deste xeito, os interesados en adherirse ao seguro de mal tempo xa poden presentar as súas solicitudes, sendo a data límite de entrega de documentación o vindeiro 21 de outubro.

A estas subvencións accederán os tomadores da póliza que poderán ser confrarías, cooperativas do mar, organizacións de produción pesqueira (OPP) ou calquera outra entidade asociativa do sector con sede en Galicia, en nome dos seus membros que pesquen en augas do litoral galego ou lindantes con Portugal e o Cantábrico. A Consellería de Pesca sufragará o 70 por cento da achega que deberá facer o asegurado para o pagamento da prima anual e a este fin destinará unha partida de case 1,4 millóns de euros para subvencionar as primas subscritas entre outubro deste ano e o mesmo mes de 2008.

Os beneficiarios desta iniciativa poderán ser arrastreiros de litoral e embarcacións de cerco de litoral que traballan en caladoiros nacionais, barcos de artes menores e percebeiros a pé ou a flote e terán que formalizar, antes do 1 de novembro de 2007, o seguro coa entidade que escolla entre as elixidas por Pesca para ofertar este servicio. Para acceder a estas subvencións tamén terán que acreditar que están ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública galega.

A creación dun seguro de mal tempo xurde do feito de que a actividade pesqueira e marisqueira está sometida a que se dean unhas condicións climatolóxicas que permitan aos profesionais desenvolver a súa actividade sen que supoña un risco para eles.

A situación xeográfica de Galicia determina que a nosa comunidade teña un litoral sometido a condicións meteorolóxicas que obrigan a amarrar a frota, sen posibilidade de que os barcos poidan saír a pescar durante varios días. Esta situación implica unha falta de ingresos nas economías dos profesionais que viven da explotación dos recursos pesqueiros e marisqueiros. É por isto que, ao pouco de chegar á Consellería, a nova titular de Pesca, Carmen Gallego, anunciou a creación dun seguro de mal tempo.

Para a posta en marcha desta iniciativa foi necesario realizar un estudo diferenciado por zonas xeográficas. Como resultado desa actuación convocouse a selección da entidade aseguradora que oferte un seguro de mal tempo aos profesionais, como unha medida de carácter social coa que se quere incidir na seguridade marítima e na introdución da cultura do seguro no ámbito da pesca en Galicia.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2007-09-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES