Notas de prensa

O conselleiro de Economía di que a comarca de Ferrol é a área galega con máis solo dispoñible para novas empresas

O Igape apoiará o proxecto de Infinita Renovables para instalar no porto exterior unha planta de produción de biodiésel cun investimento de 70 millóns de euros e a creación de 35 empregos directos.

O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, subliñou que a comarca de Ferrol é a área de Galicia cunha maior dispoñibilidade de solo industrial para novas implantacións. A recente posta en disposición da última fase do Polígono do Río de Pozo en Narón e a ampliación do de Penapurreira en As Pontes, eleva a superficie dispoñible a preto de 800.000 metros cadrados para novos proxectos empresariais. O conselleiro presidiu a reunión de traballo coa Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF) na que se realizou o seguimento do Plan Integral de Desenvolvemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Na reunión participaron membros da AIPF encabezada polo seu presidente, Ángel García; o director xeral do Igape, Álvaro Álvarez-Blázquez, e o novo responsable da coordinación do plan, Ángel Sucasas. Tamén participaron no encontro o ata agora director da oficina xestora do Plan, Casto Varela; e o director xeral de Desenvolvemento Industrial do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Jesús Candil Gonzalo.

Tras a xuntanza, o conselleiro salientou a noticia da implantación no porto exterior de Ferrol dunha planta de biodiésel promovida pola firma Infinita Renovables. Cun investimento previsto de preto de 70 millóns de euros, o proxecto conta xa co apoio do Igape e ten unha previsión de creación de emprego de 35 postos directos e unha produción de 300.000 toneladas anuais. Fernández Antonio explicou, igualmente, que na xuntanza se abordou a iniciativa de instalación dun proxecto hostaleiro no Castelo de A Palma; e a evolución xeral do Plan presentado o pasado mes de marzo. Neste sentido, actualmente están en análise ata trece novos proxectos empresariais entre os que figuran iniciativas dos sectores medioambientais e de novas tecnoloxías. Neste sentido, segundo lembrou, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ten presupostada unha dotación de 46 millóns de euros que, na súa maioría, están consignados para préstamos a xuro cero e longo prazo.

Na reunión tamén se abordou a importancia do inicio do proxecto de conexión ferroviaria do porto exterior. Neste sentido, Fernández Antonio amosouse convencido de que dito proxecto se incorporará ao Presupostos do Estado para o próximo ano. Ademais, o conselleiro garantiu que os orzamentos de Galicia para o próximo ano recollerán dotacións específicas para as medidas incluídas no programa de desenvolvemento.

Ángel Sucasas, novo director do Plan

Na reunión participou o novo director do Plan Integral de Desenvolvemento das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, Ángel Sucasas Peón. Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, ten experiencia en dirección de proxectos para creación de empresas, dirección de empresas, comercio exterior e consultoría. Sucasas coordinou en 1996 a elaboración do Plan estratéxico para o desenvolvemento de económico de As Pontes, e foi co-director da Oficina de Promoción e Desenvolvemento Económico de As Pontes (Opyde) durante o primeiro período de implantación deste Plan (1997-98).

Plan integral para a comarca

O Plan de desenvolvemento integral para as citadas comarcas mobilizará uns investimentos de 3.000 millóns de euros para acadar un crecemento económico dun 16% ata 2011 e facilitar a creación de 4.000 empregos. O Plan foi presentado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, a comezos do pasado mes de marzo en Ferrol e dende entón púxose en marcha a oficina xestora do Plan e véñense desenvolvendo reunións periodicamente para facer un seguimento puntual do traballo.

A execución do Plan de desenvolvemento integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal estase a impulsar ao través dunha ducia de liñas de traballo que teñen como obxectivos a consolidación do sector eólico na zona, o desenvolvemento do sector turístico, a potenciación do sector loxístico e desenvolvemento do porto exterior de Ferrol, o apoio ao desenvolvemento de sectores como a acuicultura, a biomasa ou os biocombustibles, a consolidación do sector naval e da industria auxiliar, as dotacións das infraestruturas e do solo industrial, o fomento do I+D+i ou o impulso á creación de emprego.

Gabinete de Comunicación do Igape - Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, 2007-09-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES