
Técnicos do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, realizaron o pasado xoves unha nova solta de 1.000 exemplares de alevíns de lumbrigante na Reserva Mariña de Lira. Trátase de unidades que teñen de seis a oito meses de vida e que contan cun tamaño de entre catro e seis centímetros. Con esta iniciativa, que se enmarca no Plan de Repoboación de Especies Mariñas no Litoral Galego posto en marcha polo departamento que dirixe Carmen Gallego en 2005, son xa un total de 4.100 unidades de lumbrigante as liberadas en augas carnotenses, ás que hai que unir os 25.000 exemplares de rodaballo soltados no litoral galego.
Para levar a cabo o cultivo dos lumbrigantes, que despois son liberados, recolléronse no medio natural femias ovadas que se misturaron con outras que foron fecundadas nas instalacións do Igafa. As larvas naceron nos meses de xaneiro e febreiro deste ano e o seu preengorde realizouse en batea ata que acadaron a talla ideal para a súa solta no mar.
Posteriormente, os exemplares foron marcados cunha etiqueta magnética e codificada dun milímetro de tamaño, que se introduce no seu interior e que dá un sinal positivo ao seu paso por un detector de metais. Unha vez marcados, os lumbrigantes xa están preparados para poder ser soltados.
Os técnicos do Igafa encargaranse agora de facer un seguimento exhaustivo dos alevíns liberados no medio natural mediante a realización de mostraxes periódicas, aínda que haberá que agardar un par de anos para ter resultados definitivos do proxecto.
Esta iniciativa forma parte da primeira quenda doutras máis que se levarán a cabo segundo os exemplares vaian acadando a talla necesaria e achegandose á cantidade de 10.000 exemplares de lumbrigante liberados que establece o Plan de Repoboación da Consellería de Pesca.
Accións de repoboación dende 2005
Pesca continúa co Plan de Repoboación de Especies Mariñas no Litoral Galego, que puxo en marcha en outubro de 2005, e co que se introduciron ata o momento no medio natural un total de 25.000 exemplares de rodaballo, así como 4.100 xuvenís de lumbrigante. A duración desta acción estratéxica, que leva a cabo o departamento que dirixe Carmen Gallego para xestionar certas pesqueirías que sufriron nos últimos anos un descenso importante no seu número de capturas, é de tres anos. Durante este período, preténdense introducir nas augas galegas ata un total de 30.000 exemplares de rodaballo, é dicir, 10.000 por ano, e 10.000 xuvenís de lumbrigante.
A primeira experiencia deste tipo levouse a cabo en outubro de 2005 na praia de Lago (Muxía) coa solta de 10.000 alevíns de rodaballo. Xa no 2006 soltáronse outros 2.000 no mesmo areal e outros 3.000 máis no de Moreiras, pertencente ao mesmo Concello. Ademais, liberáronse 5.000 exemplares nas praias grovenses de O Carreiro e A Lanzada. A estas soltas hai que engadir as realizadas nos mesmos areais de O Grove no mes de xuño deste ano (un total de 5.000 unidades), así como a que está previsto desenvolver en breve no entorno das Rías Baixas.
Pola súa parte, a solta de lumbrigantes en augas da Reserva Mariña de Lira deron comezo o pasado mes de marzo coa liberación de 3.100 unidades desta especie, cunha talla de entre catro e cinco centímetros e de seis a oito meses de vida. A esta cantidade hai que sumarlle os 1.000 exemplares soltados o xoves, tamén en augas carnotenses.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.