Notas de prensa

Pesca e o Consello Regulador do Mexillón estudan o impacto dos métodos de control das toxinas

Durante tres anos revisaranse os posibles efectos sobre o sector dos niveis de toxinas permisibles e das técnicas empregadas na súa cuantificación.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) e o Consello Regulador do Mexillón de Galicia, veñen de asinar un protocolo de colaboración para a realización dun subproxecto que se enmarca no Plan Nacional de Cultivos Marinos.

O traballo, que foi aprobado na Conferencia Sectorial de Pesca celebrada o pasado 12 de setembro de 2006 e que forma parte do citado Plan Nacional, terá unha duración de tres anos e centrarase na avaliación do impacto dos métodos e niveis empregados para o control das toxinas do mexillón, causantes das mareas vermellas.

Na nosa comunidade o maior problema do cultivo de mitílidos radica na presencia de toxinas, principalmente PSP e DSP, que provocan importantes perdas económicas non só pola súa incidencia nos cultivos e a conseguinte repercusión no mercado, senón tamén polo alto custe dos sistemas de control empregados. Para minimizar a incidencia das toxinas é preciso optimizar estes sistemas de control usados na explotación para que sexan o máis específicos e frecuentes posible en cada unha das zonas afectadas.

Nesta proposta aúnanse as necesidades das distintas comunidades autónomas que participan no proxecto -Galicia, Cataluña, Andalucía, Baleares e Canarias- e que son, por unha banda analizar as especies e métodos de produción e, pola outra, avaliar a repercusión que tería a introdución dunha nova normativa europea que regule os niveis de biotoxinas en moluscos.

O protocolo recolle tamén a creación dunha comisión para o seguemento, interpretación e avaliación das accións levadas a cabo, que asegure o bo fin e cumprimento do convenio e formada por un representante de cada un dos organismos vencellados ao mesmo.

Os obxectivos do proxecto

A preocupación por asegurar a calidade sanitaria dos alimentos, así como os motivos éticos relacionados coa protección dos animais, xa que actualmente se emprega o bioensaio con rato, fai necesario que se revisen as técnicas utilizadas na cuantificación de toxinas.

Por iso, resulta necesario o estudo comparativo da eficacia técnica e económica de algúns dos novos sistemas de cuantificación das toxinas na detección de niveis admisibles e no procesado dos grandes volumes de traballo dos sistemas de control baseados nestas técnicas. Ademais, o proxecto tamén recollerá a incidencia dos peches na comercialización e a repercusión económica do nivel admisible de concentración de toxinas fixado para cada técnica.

Neste senso, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos estima de gran interese a realización deste traballo no que se profunde no estudo dos métodos empregados no control das mareas vermellas.

A importancia do mexillón en Galicia

A cría de mitílidos está altamente consolidada na comunidade galega cun volume total de mexillón cultivado que a sitúa na cabeza da Unión Europea. Esta especie representa o 85% da produción acuícola en España e o 95% en Galicia.

As boas condicións das rías galegas son un dos factores que propician a alta produtividade primaria, o que permite chegar ata as 25 toneladas de carne de mexillón por hectárea de mar e ano. O dos mitílidos é pois un mercado moi competitivo en Galicia que xera ao redor 11.500 postos de traballo directos, dos que 8.500 son contratos fixos.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2007-09-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES